DEPORTE E TURISMO

A carreira nocturna SantYaGo10K supera xa as 1.500 persoas inscritas

09/05/2016 SantYaGo10K, a carreira nocturna de Santiago de Compostela, que se celebrará o 21 de maio, ás 22:30 horas, polo Casco Histórico da cidade, supera xa as 1.500 persoas inscritas. A organización decidiu manter o prezo reducido de inscrición de seis euros ata o 15 de maio para que a carreira sexa o máis numerosa posible.

O prazo de inscrición remata o día 15 de maio. En principio, a organización establecera dous prazos de inscrición: un primeiro a un prezo reducido de 6 euros, que rematou o 8 de maio; e un segundo de 15 euros entre os días 9 e 15 de maio. O desexo da organización é que a participación na carreira sexa o máis numerosa posible. Por este motivo, e coa intención de facilitar a inscrición a todas as persoas interesadas en participar, decidiuse ampliar o prazo de inscrición co prezo reducido ata o próximo 15 de maio, último día para anotarse na carreira.

O obxectivo da organización é que poidan participar na carreira persoas do resto de Galicia e de España, aproveitando a carreira como unha oportunidade para pasar unha fin de semana na cidade. Por iso, SantYaGo10K colabora con Renfe para ofertar un 35% de desconto nos billetes de ida e volta a Santiago entre o 17 e o 25 de maio. Esta colaboración é posible grazas ao convenio que teñen asinado Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela con Renfe.

A participación en SantYaGo10K non se reduce aos atletas. Amigos, familiares e, en xeral, calquera afeccionado ao deporte, pode participar na organización da carreira como voluntario, aportando a súa colaboración para que a proba sexa un éxito, tanto para os propios participantes como para a promoción da cidade como referente para o atletismo popular.

As persoas interesadas en participar coma voluntarios poden atopar toda a información na web da carreira, www.santyago10k.es. Todos os voluntarios recibirán como agasallo da organización unha camiseta cun deseño propio e unha braga para o pescozo, que recoñecerán a súa importancia para o desenvolvemento do proba.

SantYaGo10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse en Facebook e Twitter.

Compartir: