DEPORTE E TURISMO

Este domingo remata o prazo para inscribirse na SantYaGo10K a prezo reducido

06/05/2016 SantYaGo10K, a carreira nocturna de Santiago de Compostela que se celebrará o 21 de maio ás 22:30 horas polo Casco Histórico da cidade, ronda xa as 1.000 persoas inscritas. O prazo de inscrición remata o día 15 de maio, pero as persoas que se apunten antes deste domingo día 8 terán un prezo reducido de seis euros. A cuota para as persoas que se anoten para a semana será de 15 euros.

As inscricións poden realizarse de dous modos, cubrindo o formulario de inscrición que se atopa na paxina da carreira, www.santyago10k.es, e facendo o pago online, ou cubrindo o formulario e facendo o pago no Multiusos Fontes do Sar ou no Pavillón de Santa Isabel. Os socios destes complexos deportivos terán un prezo especial de catro euros, sempre que se anoten antes do 8 de maio.

Nesta segunda edición de SantYaGo10K haberá dous premios especiais para os participantes na carreira. Por unha banda, Oral Group Clínicas Dentales premiará a foto máis simpática dentro dun marco en forma de moa e que tome un fotógrafo tanto nos momentos previos ao inicio da carreira como durante a mesma e ao rematar a proba, en distintos puntos do percorrido. Haberá un premio para as fotorafías inviduais e un premio para as fotografías de grupo. En ambos casos serán productos de hixiene bucal.

Pola súa banda, a Policlínica Médica Servinor agasallará con catro probas de esforzo ás persoas clasificadas nos posto 250, 500, 1.000 e 1.500. Unha proba de esforzo componse dun estudio cardíaco totalmente personalizado e realizado coa última tecnoloxía, e serve para determinar os umbrais aeróbicos e anaeróbicos dun deportista, sempre tendo en conta o historial médico e deportivo, así como a rutina de vida actual.

SantYaGo10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo. Nesta edición haberá diferentes melloras a partires da experiencia acumulada o ano pasado, como a fixación dun límite máximo de 2.500 participantes ou a modificación do percorrido, que nesta ocasión será lineal e non dará dúas voltas ao mesmo circuito.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse en Facebook e Twitter.

Compartir: