EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Compostela recibiu o alumnado vasco e galego que participa na Regueifesta

04/05/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu este mércores no edificio Cersia a un encontro regueifeiro no que interviñeron alumnado galego e vasco e as regueifeiras Sara Marchena e Alba María. Xunto ao edil estiveron Iñaki Iturriotz, Lur Olabarri, Izarne Aguirre, Illart Gumuzio, Sechu Sende e Manolo Maseda, os profesores do País Vasco e de Galicia que organizaron a Regueifesta. O acto estaba aberto ao público e nel tamén participaron activamente varios centros educativos composteláns, como o IES Antón Fraguas.

Despois desta festa escolar da improvisación oral en galego e euskera, a partir das 16:30 horas terá lugar unha mesa redonda no Museo do Pobo Galego sobre a regueifa. Nela participarán diferentes axentes sociais do Movemento da Regueifa, activistas, profesorado, persoal técnico de normalización lingüística, empresas culturais e representantes de diversas asociacións.

Estas actividades forman parte dunha xornada que leva por lema "A regueifa está na mesa… camiño da escola", enmarcada no Proxecto Regueifesta. O Concello de Santiago, a través dos departamentos de Lingua e de Educación, colabora con esta iniciativa, que quere poñer en valor a regueifa como método de normalización lingüística e desenvolvemento persoal e social.

O proxecto está impulsado polos equipos de normalización lingüística dos IES Marcos do Camballón, de Vila de Cruces, e Maximino Romero, de Baio. O seu alumnado visitou esta mañá Compostela, dentro do encontro que están a manter cos estudantes dun instituto biscaíño, o IES de Arratia.

Esta Regueifesta enmárcase tamén no 1º Encontro Regueibertso Galiza-Euskal Herría. O intercambio escolar do proxecto Regueibertso continuará entre os días 13 e 16 de maio, cando serán os rapaces dos IES Marcos do Camballón, de Vila de Cruces, e Maximino Romero de Lema, de Baio, os que visiten Euskadi, xunto cos alumnos do IES Perdouro, de Burela.

Compartir: