DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Nacen Compostela Art e Compostela Eco co obxectivo de asentarse como feiras estables

04/05/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou, acompañada do presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, e do seu secretario, Delmiro Prieto, as feiras Compostela Art e Compostela Eco, que se celebrarán entre o 5 e o 8 de maio na praza Roxa e na Carreira do Conde.

Marta Lois destacou que "ambas feiras, Compostela Art e Compostela Eco, nacen co obxectivo de asentarse como dúas feiras locais estables na nosa cidade, capital de Galicia e centro estable dunha ampla área xeográfica de influencia e polo de atracción turística".

Compostela Art
Situada na Carreira do Conde, Compostela Art é unha feira de artes e artesanía formada por exposicións comerciais de venda ao público en postos modulares, con representación de artesáns, artistas e creadores e tendas especializadas.

Ademais, haberá obradoiros e traballo en vivo, con actividades para o público infantil e un completo programa de actividades musicais e de lecer.

Compostela Eco
Na praza Roxa sitúase a feira ecolóxica labrega Compostela Eco, que consta dun espazo de exposición comercial de venda ao público baixo carpa de alimentación ecolóxica certificada no que estarán representados empresas de envasado, establecementos de venda polo miúdo de Santiago e comarca e produtores de proximidade.

A maiores tivo lugar un ciclo de conferencias sobre alimentación saudable no Centro Sociocultural do Ensanche. Compostela Eco conta coa colaboración de A Cesta da Saúde e da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, APEGA.

Isto complétase cun Espazo Eco Gastro de alimentación saudable. Os establecementos hostaleiros do Ensanche ofertarán, durante a Feira, pratos e tapas saudables elaborados con produtos certificados polo CRAEGA.

Compartir: