URBANISMO

A incorporación de alegacións achega 2.688 novas vivendas ao PXOM

27/10/2006 A revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), coa incorporación das alegacións aprobadas no Pleno do 31 de xullo, supuxo un incremento da capacidade residencial. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, explicou estes cambios nas magnitudes, que permitirán unha previsión de 38.071 vivendas, 2.688 máis que as contempladas na aprobación inicial.

O incremento maior prodúcese no solo de núcleo rural, con 1.362 vivendas máis, ata alcanzar as 3.902. Esta modificación vén determinada fundamentalmente pola ampliación das áreas de núcleo rural e de expansión de núcleo. Tamén experimenta un importante crecemento a capacidade residencial do solo urbano, con 1.167 vivendas máis.

Do total de vivendas, 13.880 serán de protección, o que representa un 36,5% da capacidade do Plan. Destas, 12.621 correspóndense con vivendas nos solos programados e nos protocolos con IGVS pendentes de execución, mentres que 1.259 estarán en solo urbanizable diferido.

As alegacións tamén motivaron pequenos cambios na superficie destinada a zonas verdes, que alcanza un total de 301,5 hectáreas, ás que hai que engadir as dos parques forestais, 226 hectáreas. Sánchez Bugallo destacou que o Plan Xeral establece unha superficie mínima de 32 metros cadrados por cada 100 de uso residencial, "uns estándares que multiplican os esixidos legalmente". O mesmo acontece cos equipamentos, onde a reserva é de 22,7 metros cadrados por cada 100 de vivenda. En total, o PXOM comprende 213,9 hectáreas, ás que hai que engadir as 85,6 do equipamento universitario.

Finalmente, o solo industrial alcanza as 684,58 hectáreas. Desta superficie, 460,6 hectáreas destinaranse a uso industrial-empresarial, 152,3 a terciario en parque exclusivo e 71,68 a terciario en áreas residenciais.

Compartir: