EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Compostela recibe o alumnado vasco e galego que participa na Regueifesta

03/05/2016 O Concello de Santiago, a través dos departamentos de Lingua e de Educación, colabora co Proxecto Regueifesta, unha iniciativa que quere poñer en valor a regueifa como método de normalización lingüística e desenvolvemento persoal e social. O proxecto está impulsado polos equipos de normalización lingüística dos IES Marcos do Camballón, de Vila de Cruces, e Maximino Romero, de Baio. O seu alumnado visitará mañá Compostela, dentro do encontro que están a manter cos estudantes dun instituto biscaíño, o IES de Arratia.

O concelleiro de Educación e Cidadanía deu conta da xornada que se vai celebrar en Santiago, baixo o lema "A regueifa está na mesa… camiño da escola". Manuel Dios explicou que esta visita está enmarcada no 1º Encontro Regueibertso Galiza-Euskal Herría, "que quere establecer lazos entre Galicia e Euskadi como territorios de improvisación oral en verso".

O auditorio do edificio Cersia, en San Lázaro, acollerá a partir das 11:30 horas un encontro no que intervirán o alumnado galego e vasco, e as regueifeiras Sara Marchena e Alba María. A segunda participou na rolda de prensa de hoxe, para explicar que "a poesía oral improvisada, a regueifa, non é tan coñecida en Galicia como debera". Alba María sinalou que ela e Sara Marchena son, con 21 anos, "exemplos dunha nova fornada de regueifeiros que ten que mirar a homes e mulleres de máis de 50 anos como referentes máis próximos".

O encontro estará aberto ao público e nel tamén participarán activamente varios centros educativos composteláns, como o IES Antón Fraguas.

Despois desta festa escolar da improvisación oral en galego e euskera, a partir das 16:30 horas terá lugar unha mesa redonda no Museo do Pobo Galego sobre a regueifa. Nela participarán diferentes axentes sociais do "Movemento da Regueifa", activistas, profesorado, persoal técnico de normalización lingüística, empresas culturais e representantes de diversas asociacións.

O intercambio escolar do proxecto Regueibertso continuará entre os días 13 e 16 de maio, cando serán os rapaces dos IES Marcos do Camballón de Vila de Cruces, e Maximino Romero de Lema de Baio, os que visiten Euskadi, xunto cos alumnos do IES Perdouro de Burela.

Compartir: