DEPORTE

A Andaina dos 50 quilómetros percorrerá os lugares máis emblemáticos da cidade

03/05/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou en rolda de prensa acompañado do presidente do Club Deportivo Fontiñas, Iñaki Bilbao, a XIII Edición da Andaina dos 50 quilómetros de Santiago, organizada por este club.

Terá lugar o vindeiro 7 de maio e está incluída na Copa de Andainas de 50 quilómetros da Federación Galega de Montañismo. A saída será ás 9 da mañá, e hai un prazo máximo de 12 horas para completar o recorrido.

O concelleiro de Deporte destacou que "esta andaina nos ofrece unha ocasión única para gozar dos paraxes máis atractivos do entorno da nosa cidade". O percorrido reproduce practicamente o trazado do pasado ano, conservándose os pasos tradicionais máis atractivos (Sarela, Gatofero, Tambre, Pedroso).

Mantense como punto de saída a praza Europa, que será tamén o punto de cruce dos dous bucles que compoñen a andaina. O primeiro deles parte de Área Central e dende o parque de Vite segue a Guadalupe, Romaño, Río Sarela, Bargo, Río Gatofero, Grixoa, Río Tambre, Aradas, Pardaces, Monte Pío, parques de Galeras, Finca Simeón, Auditorio de Galicia e Vite, finalizando en Área Central. O segundo bucle pasa por Pontepedriña, Santasmariñas, Angrois, Santa Lucía, Aríns, Sanxuás, o Monte Viso e final en Área Central.

Haberá puntos de avituallamento de bebida, froita e froitos secos cada 10 km, e nos km 20 e 30 tamén bocadillos. As persoas participantes poden completar o percorrido, sinalizado en todos os seus tramos, ou ben abandonalo en calquera punto intermedio, para o que estarán previstos medios de recollida e traslado á saída.

Os datos da proba poden consultarse na web do Club www.clubdeportivofontinas.com, no teléfono 981 577 928 ou a través do enderezo de correo andaina50kmsantiago@gmail.com.

Compartir: