DEPORTE E TURISMO

SantYaGo10K alcanza xa as 300 persoas inscritas a un mes para a carreira

20/04/2016 SantYaGo10K, a carreira nocturna de Santiago de Compostela, celebrarase o sábado 21 e maio ás 22:30 horas. Cando queda aínda un mes para a carreira, hai xa 300 persoas inscritas para participar. A carreira, sobre un novo circuíto lineal de 10 quilómetros, ten a saída en San Francisco e a chegada na praza do Obradoiro, e percorrerá a Alameda e as principais rúas do Casco Histórico.

As inscricións poden facerse de dous modos distintos: cubrindo o formulario de inscrición que se atopa na paxina da carreira, www.santyago10k.es, e facendo o pago directamente on line, ou cubrindo o formulario pero facendo o pago presencialmente no Multiusos Fontes do Sar ou en Santa Isabel. Os socios destes dous complexos deportivos terán un prezo especial de catro euros se se inscriben presencialmente antes do 8 de maio.

A participación en SantYaGo 10K non se reduce aos atletas. Amigos, familiares e, en xeral, calquera afeccionado ao deporte, pode participar na organización da carreira como voluntario, aportando a súa colaboración para que a proba sexa un éxito, tanto para os propios participantes como para a promoción da cidade como referente para o atletismo popular.

As persoas interesadas en participar coma voluntarios poden atopar toda a información na web da carreira, www.santyago10k.es. Todos os voluntarios recibirán como agasallo da organización unha camiseta cun deseño propio e unha braga para o pescozo, que recoñecerán a súa importancia para o desenvolvemento do proba.

SantYaGo 10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo. Esta segunda edición incluirá ademais diferentes melloras a partires da experiencia acumulada o ano pasado, como a fixación dun límite máximo de 2.500 participantes ou a modificación do percorrido, que nesta ocasión será lineal e non dará dúas voltas ao mesmo circuíto.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse en Facebook e Twitter.

Compartir: