DEPORTE

Aberta a inscrición para a segunda edición da carreira nocturna "SantYaGo 10K"

11/04/2016 A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou esta mañá a segunda edición da carreira nocturna SantYaGo 10K que se celebrará o próximo 21 de maio ás 22:30 horas. Na rolda estivo acompañada do presidente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey; do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e da madriña da proba deste ano, a xornalista Ana Pérez.

O circuíto de dez quilómetros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, percorrerá as principais rúas do Casco Histórico, coa saída en San Francisco e meta na Praza do Obradoiro.

A primeira edición de SantYaGo 10K celebrouse o 9 de maio do ano pasado cun éxito de participación que superou as expectativas da propia organización. Nun primeiro momento estimábase que poderían participar arredor de 1.000 persoas. Porén, para evitar posibles problemas loxísticos, pechouse a inscrición cando se superaron as 2.000 persoas inscritas.

Nesta segunda edición, dado o interese amosado por multitude de corredores populares, decidiuse fixar o límite máximo de participantes en 2.500 persoas. Haberá dous prazos para inscribirse: o primeiro será ata o domingo 8 de maio, cun prezo de 6 euros, e o segundo será entre o 9 e o 15 de maio, cun prezo de 15 euros.

As inscricións poden facerse de dous modos distintos, cubrindo o formulario de inscrición que se atopa na paxina da carreira, www.santyago10k.es, e facendo o pago directamente on line, ou cubrindo o formulario pero facendo o pago presencialmente no Multiúsos Fontes do Sar ou no Pavillón de Santa Isabel. Os socios do Multiusos e de Santa Isabel terán un prezo especial de 4 euros se se inscriben presencialmente antes do 8 de maio.

SantYaGo 10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo. Esta segunda edición incluirá ademais diferentes melloras a partires da experiencia acumulada o ano pasado, como a fixación dun límite máximo de persoas participantes ou a modificación do percorrido, que nesta ocasión será lineal e non dará dúas voltas ao mesmo circuíto.

Quilómetros para recordar
SantYaGo 10K, ademais de ser un evento deportivo popular, ten dende a súa orixe unha vocación solidaria. Na edición deste ano, a organización da carreira decidiu colaborar co proxecto "Kilómetros para recordar. Andar y correr por el Alzheimer", promovido pola Fundación Sar Quaviate.

A iniciativa "Kilómetros para recordar" enlaza o exercicio físico coa solidariedade. Consiste en que cada quilómetro percorrido, xa sexa andando ou correndo, se converta en diñeiro que se doar a proxectos de investigación sobre a enfermidade do Alzheimer. As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden consultar toda a información na páxina web www.kilometrospararecordar.com.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse en Facebook.

Compartir: