CONVIVENCIA

O Concello presenta un programa para previr as pintadas vandálicas a través da arte urbana

06/04/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe o proxecto Rúas, "Rexeneración Urbana. Arte. Santiago". Trátase dun programa que ten como obxectivo acabar coas pintadas nas rúas de Compostela a través de actividades educativas e preventivas, e poñendo en valor os auténticos graffitis fronte ás agresións ao patrimonio. O proxecto foi desenvolvido pola Asociación Vella Escola.

Xan Duro explicou que o plan "nace da constatación de que as medidas sancionadoras non resultan demasiado eficaces, porque as pintadas non deixan de aparecer en toda a cidade, e en particular na zona histórica". Nese sentido, o edil apuntou que "é moi difícil sorprender in fraganti aos autores deses actos vandálicos, e polo tanto resulta complicado impoñerlles as multas previstas na lexislación". Por iso, o Concello pon en marcha o programa Rúas, con accións concretas que se van desenvolver ao longo dun ano e medio, e que van dende charlas sobre graffiti e patrimonio a obradoiros de muralismo, pasando por mostras de arte urbano ou recuperación de espazos.

Calendario de actividades
O encargado de presentar as actividades foi o director de proxectos da Asociación Vella Escola, responsable do programa. Pablo Castiñeira incidiu en que "as pintadas e sinaturas que aparecen fundamentalmente na cidade histórica non son obra de grafiteiros, nin teñen ningún fin reivindicativo político ou social como adoita ser habitual nestas accións". Por iso, entende que é importante poñer en marcha campañas educativas que lles amosen á cidadanía, en particular á mocidade, as diferenzas entre os actos vandálicos e as expresións artísticas.

Pablo Castiñeira explicou que o programa Rúas está pensado en dúas fases. Ao longo deste mes de abril iniciarase o traballo de promoción do proxecto, a través dunha páxina web específica, das redes sociais e de campañas informativas. Tamén haberá accións pensadas especificamente para os centros educativos, e outras dirixidas ao conxunto da cidadanía. En todos os casos, darase a coñecer o programa, pero tamén se informará sobre o valor patrimonial de Compostela, dos danos que ocasionan as pintadas e das sancións derivadas da súa realización.

Estas actividades promocionais prolongaranse ao mes de maio, cando está previsto manter contactos coas asociacións de veciños, culturais e artísticas para implicalas no programa. Tamén no mes de maio programaranse mostras nas rúas, con obradoiros de graffiti e intervencións artístico-creativas nas rúas. Neste caso tamén están proxectadas accións concretas para o alumnado de ESO e Bacharelato, e outras para o conxunto dos barrios, sempre coa intención de dar a coñecer o graffiti como práctica artística alternativa á realización de pintadas e achegando o mundo da arte urbana a veciños e estudantes.

Entre os meses de xuño e xullo poranse as bases dunha das accións máis chamativas do programa Rúas, que ten como obxectivo restaurar os murais municipais e explorar a posibilidade de actuar sobre muros veciñais, sempre que os propietarios o soliciten e cumpran determinados requisitos.Trátase de recuperar espazos que se encontran en estado de deterioro ou afectados polas pintadas (paredes, edificios, mobiliario urbano, tapas de sumidoiros), realizando obras artísticas profesionais que axuden a mellorar a imaxe de Compostela e potencien a identidade dos barrios. Para iso, os traballos que se realicen terán que ser imaxes que estean relacionadas directamente coa zona na que se sitúen, e coas que a veciñanza se sinta identificada.

Nos últimos meses desta primeira fase do programa Rúas, traballarase cos colexios, para difundir novas campañas informativas e educativas, e programar novos obradoiros participativos. No mes de decembro farase unha avaliación interna da marcha do proxecto, e definiranse as accións concretas da súa segunda fase, que se iniciará en decembro.

Este calendario de traballo é progresivo e paralelo, de xeito que se sinalan accións prioritarias que non desaparecen co paso dos meses senón que van pasando a un segundo plano mentres se inician novas accións centrais do programa. De feito, as primeiras intervencións en muros municipais poderían realizarse xa nas vindeiras semanas.

Vandalismo
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que as pintadas "son actos vandálicos que lle saen caros ao Concello". Segundo os datos aportados por Xan Duro, o ano pasado rexistráronse 658 pintadas, só no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica. En 2014 foran 762, fronte ás 422 de 2013. Na última década, o ano con máis pintadas rexistradas neste ámbito foi 2007, con 881. En canto ás pintadas en formigón ou parede, en 2015 contabilizáronse 868, fronte ás 613 de 2014.

A empresa concesionaria da limpeza viaria, Urbaser, encárgase da retirada destas pintadas.O ano pasado, a empresa tivo que destinar a esta tarefa un total de 351 horas de traballo, que supoñen un custo de 28.080 euros. Nesta estimación que fai a empresa inclúese a man de obra, o desprazamento e os produtos utilizados para a retirada das pintadas.

A realización de pintadas é unha das infraccións recollidas na Ordenanza Municipal de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria.Tamén figura como infracción leve na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, aprobada en marzo de 2015, que contempla sancións de entre 100 e 600 euros. Na reforma do Código Penal aprobada nese mesmo ano, incluíronse penas de multa de 6 a 24 meses para o que cause danos en propiedade allea, rebaixándose esa pena a multas de un a tres meses se a contía do dano causado non excede os 400 euros.

O ano pasado, a Policía Local identificou a cinco persoas pola realización de pintadas, catro menos que en 2014. No que levamos de ano, aínda non se produciu ningunha identificación por este motivo.

Compartir: