POLÍTICAS SOCIAIS

O Obradoiro acollerá durante o mes de abril a exposición "Refuxiados sen camiño", do fotoxornalista Gabriel Tizón

31/03/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e o fotoxornalista galego Gabriel Tizón presentaron esta mañá en rolda de prensa a exposición Refuxiados sen camiño, que a cidadanía de Santiago poderá visitar dende o domingo e durante todo o mes de abril na praza do Obradoiro.

A exposición estará durante o mes de maio en Xoán XXIII e durante o mes de xuño na praza Roxa. Ademais virá acompañada dunha de pequeno formato que se exporá nos vindeiros meses nos CSC do Castiñeiriño, A Trisca, Conxo, A Rocha e Ensanche.

Trátase dun total de 22 paneis de gran formato (aproximadamente 2 metros) que amosarán 80 fotografías de Gabriel Tizón durante o seu traballo nos campamentos de refuxiados de Idomeni (Turquía). Na súa presentación, Tizón asegurou que "en toda a súa vida como fotógrafo nunca vira o que viviu estas semanas nos campos de refuxiados".

Tizón aproveitou para facer un chamamento á cidadanía para que axude, na medida do posible, a estas persoas "escapando do discurso do medo que se quere espallar por Europa". O fotoxornalista galego lembrou ademais que "a pesar da difícil situación pola que están a pasar, estas persoas son unhas afortunadas porque poden saír da guerra".

A concelleira de Políticas Sociais quixo facer un novo chamamento aos gobernos español e europeo para que muden a súa actitude en relación ás persoas refuxiadas. "Os dereitos humanos corren perigo e os fundamentos dos estados democráticos corren perigo", dixo. Nese sentido lembrou que o Concello de Santiago aprobou diversas declaracións institucionais de apoio e que, dende o pasado pleno ordinario, a bandeira europea ondea a medio mastro no Pazo de Raxoi. "Evidentemente non está a ser suficiente para darlle un toque de atención a Europa, mais os concellos non temos máis marxe estando as fronteiras pechadas. Pola nosa banda continuaremos traballando en coordinación coas entidades sociais da cidade na Mesa de Traballo e Coordinación", indicou a concelleira.

Gabriel Tizón
Traballou como fotógrafo en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia ata o ano 2000. Nese ano comezou a traballar como freelance, colaborando habitualmente con axencias, xornais e revistas nacionais e internacionais, entre as que destacan The New York Times, The Guardian, El Mundo ou El Periódico de Cataluña.

Ademais desta exposición en Santiago realizou outras, tanto individuais como colectivas, ao longo de todo o Estado e en países como Estados Unidos, Bélxica, Guinea, Italia, Francia, Senegal e Holanda, sendo representado pola Galería Flat File de Chicago dende o ano 2001 ao 2005.

Entre os premios e galardóns recibidos por Gabriel Tizón destacan o Premio de Honra do Festival Internacional AsisaFoto, o primeiro Premio Internacional Photo Competiticion on Climate Justice de Amsterdam ou o Primeiro Premio "Ciudad Vieja" da cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: