BENESTAR ANIMAL

O Padroado do Refuxio de Animais acorda estudar un novo modelo para Bando

22/03/2016 O Padroado da Fundación Refuxio de Animais acordou estudar un novo modelo de funcionamento para as instalacións de Bando, e abriu un período máximo de tres meses para achegar propostas ao respecto. Na reunión celebrada na tarde de onte, os integrantes do organismo coincidiron en que o funcionamento do Refuxio é mellorable, e en que o actual modelo de xestión está caduco. Nesta liña, púxose de manifesto a necesidade de procurar novos fondos para o Refuxio, máis alá das achegas dos Concellos.

A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, explicou hoxe en rolda de prensa que, este ano, o Concello de Santiago aporta ao Refuxio 158.000 euros (23.000 euros máis que o ano pasado), o de Teo, 30.000 euros, e o de Vedra, 8.000 euros. Ademais, a Deputación da Coruña fai unha achega de 28.000 euros. A edil entende que a Fundación Refuxio de Animais "ten que procurar novas achegas, doutros municipios ou do sector privado". Nese sentido, lembrou que nos últimos anos se desvincularon da entidade os concellos de Boqueixón, Brión e Ames. Outro dos retos de futuro da Fundación é abrirse ás asociacións que, lembrou Noa Morales, o ano pasado atenderon a 280 animais pola súa conta e sen teren instalacións propias.

Morales reiterou a súa aposta por dividir o actual posto de alta dirección en dous cargos, director e veterinario, e adiantou que as dúas prazas poderían ser cubertas a través dun concurso de libre concorrencia. Esta proposta conta co respaldo unánime do Padroado, á espera de que nunha próxima reunión se presente o proxecto detallado e presupostado.

O Padroado da Fundación Refuxio de Animais aprobou o desestimento do contrato de alta dirección da actual directora, cos votos a favor de Compostela Aberta, do Concello de Teo e das asociacións animalistas, a abstención de PSOE e BNG, e os votos en contra de PP, Concello de Vedra e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, que delegou o seu voto no Concello de Vedra. A decisión foille comunicada á directora, e agora ábrese un prazo de tres meses para relevala.

A edil de Benestar Animal sinalou que a indemnización á que terá dereito a directora ascende a 44.000 euros, porque o seu contrato ten unhas características especiais entre as que se fixa unha indemnización de 45 días por ano traballado, e non os 7 que son habituais nos contratos de alta dirección.

Compartir: