BENESTAR ANIMAL

O Padroado do Refuxio de Animais acorda estudar un novo modelo para Bando

21/03/2016 O Padroado da Fundación Refuxio de Animais acordou hoxe estudar un novo modelo de funcionamento para as instalacións de Bando, e abriu un período máximo de tres meses para achegar propostas ao respecto. Na reunión celebrada esta tarde, todos os integrantes do organismo coincidiron en que o funcionamento do Refuxio é mellorable, e en que o actual modelo de xestión está caduco. Nesta liña, púxose de manifesto a necesidade de procurar novos fondos para o Refuxio, máis alá das achegas dos Concellos. Tamén se falou de explorar a posibilidade de incorporar municipios á entidade, do que se desvincularon os concellos de Boqueixón, Brión e Ames entre os anos 2012 e 2013.

A vicepresidenta do Padroado e concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, reiterou a súa aposta por dividir o actual posto de alta dirección en dous cargos, director e veterinario, e adiantou que as dúas prazas poderían ser cubertas a través dun concurso de libre concorrencia. Esta proposta conta co respaldo unánime do Padroado, á espera de que nunha próxima reunión se presente o proxecto detallado e presupostado.

O Padroado da Fundación Refuxio de Animais aprobou o desestimento do contrato de alta dirección da actual directora, cos votos a favor de Compostela Aberta, do Concello de Teo e das asociacións animalistas, a abstención de PSOE e BNG, e os votos en contra de PP, Concello de Vedra e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, que delegou o seu voto no Concello de Vedra. Un informe da Asesoría Xurídica do Concello entende que a medida é acaída, dada a perda de confianza na actual responsable do Refuxio, unha das causas de extinción dos contratos de alta dirección.

A reunión do Padroado comezou coa intervención dunha representante dos voluntarios do Refuxio, a petición do PP, e dunha representante do movemento animalista.

Compartir: