ALCALDÍA E IGUALDADE

Concello e USC recuperan o Premio Xohana Torres e ábreno tamén á creación audiovisual

04/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Juan Viaño, asinaron este venres un convenio que garante a posta en marcha do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela. Recupérase así un certame, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteran nun símbolo da cidade. O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, abrirase o prazo para participar nesta convocatoria, dotada con dous premios de 2.500 euros.

Tal como sen indica no propio convenio e nas bases do certame, o Concello e a USC recuperan neste 2016 o Premio Xohana Torres. Mantendo a esencia pola que se creou, oriéntase agora á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, o Premio ábrese tamén a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que estas teñen desempeñado.

Este galardón encádrase nas medidas da Concellaría de Igualdade para potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade; facer visible as súas diversas achegas ao longo da historia; promover a igualdade efectiva de mulleres e homes; e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres.

Segundo o convenio asinado esta mañá, o Concello de Santiago será o encargado da organización e promoción do Premio, así como dos gastos que este xere, premios incluídos. Entre outras obrigas, a USC comprométese a editar un mínimo de 300 exemplares do traballo de ensaio gañador e de 300 CDs do traballo audiovisual. Destes, 100 exemplares distribuiraos o Concello entre a cidadanía.

Bases
Os traballos que se presenten ao premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. Os ensaios presentaranse en formato papel, mentres que os traballos audiovisuais deberán ter unha duración mínima de 15 minutos, aceptándose calquera tipo de expresión artística: flashmob, textos biográficos lidos ante a cámara, videoclips, fotografías, fotomontaxes, curtametraxes, etc.

O prazo de presentación dos traballos comeza o día 8 de marzo e remata o 31 de decembro de 2016. Será tamén o 8 de marzo, pero do ano seguinte, 2017, cando se dea a coñecer a decisión do xurado, nun acto público celebrado no Concello de Santiago.

Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual. Cada un dos premios estará dotado con 2.500 euros, a conta dos dereitos de edición das obras pola USC.

O xurado estará formado polo alcalde ou concelleira/o no que delegue, o reitor da USC ou persoa na que delegue, seis profesores/as da USC do ámbito da ciencia política, da filosofía, da historia, da antropoloxía ou da literatura e do xornalismo ou comunicación audiovisual.

Historia
O Premio Xohana Torres foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela no ano 1993, co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, na vida da nosa comunidade. Nas primeiras 17 edicións premiáronse os traballos inéditos de investigación referidos a calquera aspecto social, histórico ou humano das mulleres dentro da comunidade galega. Nas edicións correspondentes aos anos 2009 e o 2010, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico, para abarcar diversas disciplinas como a ciencia, a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a literatura, tendo como obxectivos e protagonistas as mulleres galegas. Entre o 2011 e o 2015 este premio no foi convocado.

Xohana Torres
Xohana Torres, poeta, dramaturga e novelista, naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros e no ano 1958 recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia.

Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, e no ano 1972 recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado "Eu tamén navegar".

Compartir: