IGUALDADE

O espectáculo "Galadas" conmemorará o Día das Mulleres este sábado na Sala Capitol

03/03/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o espectáculo Galadas, que terá lugar este sábado 5 de marzo, ás 21:00 horas, na Sala Capitol, con motivo do Día Internacional das Mulleres.

A concelleira destacou a importancia de desenvolver "novas políticas de xénero que teñan unha perspectiva transversal e comunitaria, a través das cales se consiga implicar a toda a cidadanía na promoción da igualdade".  Asi mesmo, tamén resaltou que "este tipo de políticas non se poden restrinxir á conmemoración do propio 8 de marzo, senón que teñen que ter continuidade ao longo do ano e durante todo o mandato, e así trataremos de facer no marco de Compostela, territorio das mulleres.

Trátase dunha acción multidisciplinar dirixida pola artista Mercedes Peón en colaboración con diferentes mulleres de diversas disciplinas artísticas: Janet Novás, Mónica de Nut, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Ana García e o broche final das tocadoras de Toutón. Un espectáculo apoiado na intervención sonora e visual mediante danza, video e performance. A entrada será de balde e poderá recollerse na billeteira do Teatro Principal ata mañá venres en horario de 18:00 a 21:00 horas e no portelo de entradas da Sala Capitol dende una hora antes do comezo da acción.

Esta gala enmárcase dentro do programa Compostela, territorio das mulleres, que inclúe ata seis actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o 8 de marzo. A idea pasa por "mudar os espazos da propia cidade para dar cabida a todo tipo de xéneros" en palabras da propia artista, Mercedes Peón. Este sábado, a Sala Capitol acollerá, polo tanto, un espectáculo onde se mesturará a poesía de Yolanda Castaño con temas propios da cantante Lucía Aldao ou a videocreación de Uqui Permui.

O Concello sumarase tamén á manifestación organizada para este domingo 6 de marzo con motivo do Día Internacional das Mulleres: "Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita", que sairá da estación do tren ás 12:00 horas.

Mapa feminista de Compostela
Co obxectivo de impulsar a creación da marca Compostela, territorio das mulleres crearase un mapa que servirá para, por unha banda, poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que fan unha aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en Compostela.

Comezarase por abrir o proceso ao sector da hostalería e o turismo de Compostela, para que valoren que contidos poderían incorporar, dende esta perspectiva, nas súas prácticas e espazos, compromisos que se farán públicos a través do mapa. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

Literarias
A través desta iniciativa convídase ás librarías e editoriais de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero. Concretamente, propúxoselles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras a través da poesía, a literatura, o teatro, o ensaio, a banda deseñada etc que fomente os dereitos das mulleres, visibilice a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas. A acción comezou o 1 de marzo e durará ata o vindeiro día 10.

Polo de agora sumáronse á iniciativa as seguintes librerías, editoriais e bibliotecas: Cronopios, Follas Novas, Kómic, Ciranda, Couceiro, Lila de Lilith, Pedreira, Fonseca, San Pablo, Tirana, NUMAX, Editoriais Alvarellos, Editora Apiario, Edicións Positivas, Hugin e Munin, Urco Editora e as Bibliotecas Concepción Arenal, Ánxel Casal e Xeral.

Camiños da Auga. Fontes e lavadoiros
Antigamente, as mulleres carrexaban auga para achegala a determinados lugares. A intención é visitar algunhas das fontes máis emblemáticas da cidade e falar doutras que están noutros lugares, ou que xa non existen. Ao redor delas achegarémonos á historia das mulleres e do seu labor cotián. O paseo das fontes está previsto para o 13 de marzo.

O 17 de abril tamén se realizará un paseo por varios lavadoiros de Compostela, falando sobre os usos que lles daban as mulleres. Ámbolos dous paseos estarán guiados pola palabra de Encarna Otero.

Vida propia
Co obxectivo de mellorar a posición social das mulleres de Compostela que viven en contornas rurais, coa posta en marcha do Programa Vida Propia preténdese crear espazos de encontro que contribúan á autonomía das mulleres e ao desenvolvemento da súa plena cidadanía. Espazos para reflexionar sobre o seu papel na sociedade, as súas achegas, que sirvan para configurar a autoría da súa propia vida, desenvolvendo estratexias para aumentar a capacidade de decisión en diferentes ámbitos, crear novos espazos, xestionar os tempos e, en definitiva, valorar a vida propia.

Premio Xohana Torres
O 8 de marzo abrirase o prazo de convocatoria do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Trátase da recuperación dun premio, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteron nun símbolo da cidade.

Estase traballando para que todas estas dinámicas teñan un fío condutor a nivel visual e tamén a través dunha plataforma participativa dixital, cuxa implementación irá máis aló do mes de marzo para permitir recoller as suxestións e as opinións da cidadanía sobre o Mapa de Compostela. Na páxina web do Concello poderase consultar a información actualizada respecto de cada unha destas actuacións. Ademais, distribuirase material de difusión das mesmas en boa parte dos establecementos da cidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: