ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan as dependencias da UMAD

02/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acudiu este mércores ás dependencias da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes) para coñecer de primeira man o seu funcionamento.

Martiño Noriega foi acompañado da concelleira de Políticas Sociais Diversidades e Saúdes, Concha Fernández, quen leva participado das xuntanzas que manteñen periodicamente os traballadores e traballadoras da Unidade o primeiro mércores de cada mes.

O alcalde mantivo unha reunión coas persoas que traballan a diario na UMAD e, posteriormente, coñeceu as instalacións onde desenvolven as súas actividades. A UMAD atende cada ano a aproximadamente 1.000 usuarios aos que se lle ofrecen tratamentos de adicción e educación psicosocial. Os/as traballadores/as destacan que a situación estabilizouse nos últimos seis anos, con aproximadamente 200 novos casos ao ano de persoas que se someten por primeira vez a tratamento. As persoas que chegan a UMAD fano por diferentes vías: ben a petición das propias familias, por requirimentos xudiciais ou por derivacións de psiquiatría.

Martiño Noriega atendeu as demandas dos psicólogos/as, monitores/as ocupacionais, educadores/as sociais, do director de tempo libre, psiquiatra e da psicóloga clínica, que traballan diariamente nunha unidade cuxa zona de influencia abrangue toda a área sanitaria compostelá.

O alcalde e a concelleira destacaron o gran labor que se fai dende a UMAD, centro de referencia a nivel autonómico e que conta cunha unidade de día moi ben valorada pola metodoloxía utilizada. A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes axuda a persoas con problemas de drogadicción a que leven unha vida normalizada.

Compartir: