CONVIVENCIA

A Policía Local impartiu unha charla sobre os sistemas de retención infantil

26/02/2016 Esta semana, a Policía Local realizou o primeiro taller teórico-práctico sobre o uso dos sistemas de retención infantil e seguridade no vehículo para embarazadas. A demanda de asistencia foi tal que superou a capacidade do Centro de Saúde das Fontiñas.

A Policía Local e a especialista en puericultura Alicia García Ferrín impartiron esta charla, co obxectivo de que os pais e nais fagan un uso correcto dos SRI. Hai estudios que nos indican que dúas de cada tres persoas non fan un uso correcto destes sistemas, polo que a Policía Local recomenda acudir a un especialista que poida aclarar como facelo correctamente. Ademais, cómpre ler os manuais do fabricante, tanto do SRI como do propio vehículo.

A actividade dividiuse en dous bloques. No primeiro, sobre educación vial para embarazadas, explicouse como afecta a Lei de Seguridade Vial e o Regulamento Xeral de Circulación ás condutoras embarazadas. Ademais, falouse sobre os accesorios de seguridade que se poden utilizar xunto co cinto de seguridade, para maior seguridade en caso dunha freada brusca ou dunha colisión.

Na segunda parte da charla falouse sobre o uso correcto dos Sistemas de Retención Infantil: que son, para que serven, que nenos teñen que ir en cadeiras especiais, a normativa de homologación, a súa clasificación, que é o Isofix, a normativa I-Size en vigor dende 2013 e a recomendación de levar os nenos en sentido contrario á marcha.

A Policía Local ten intención de impartir novas sesións destas charlas.

Direccións relacionadas



Compartir: