XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno abre expediente polo atraso nas obras de Vista Alegre

26/02/2016 A Xunta de Goberno acordou este venres abrirlle un expediente á empresa Petrolam A Veiga S.L. polo incumprimento do seu contrato para a execución da Fase II das obras de Vista Alegre. Botando man de informes técnicos e xurídicos, o Executivo entende que non existen causas obxectivas que ampararan a paralización dos traballos nos puntos non afectados polo protocolo de fendas, que obriga a describir o estado dos edificios para asegurar aos veciños ante posibles danos causados polas obras. Por iso, o Concello estudará a imposición á empresa das penalidades que procedan, e así llo comunicará ao contratista.

O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que o Goberno detectou que as obras da Fase II de Vista Alegre foran contratadas polo anterior Executivo sen cumprir o requisito de ter elaborado o protocolo de gretas. Cando se realizou, detectáronse problemas nalgúns edificios, que se quixeron solucionar antes de acometer as obras de eliminación das terrazas. Jorge Duarte explicou que un informe técnico sinalaba que estes traballos non impedían continuar coas actuacións da Fase II, malia a que a empresa se amosara contraria a facelo. Finalmente, e á vista de que Petrolam non iniciou as obras nos prazos aos que se fora comprometendo sucesivamente, a Xunta de Goberno optou por abrir este expediente.

Supresión de prazas da ORA
Na Xunta de Goberno desta mañá tamén recibiu luz verde unha proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia relativa á supresión dunha banda de aparcamento na rúa García Blanco, con 18 prazas reguladas pola ORA. Xan Duro explicou que a decisión responde a razóns de seguridade viaria, posto que os coches estacionados "obrigaban aos vehículos dos Bombeiros a subir á beirarrúa esquerda da rúa para poder circular". O mesmo teñen que facer os furgóns, os camións do lixo e outros vehículos de grandes dimensións.

Outros acordos
A petición da Asociación Hostalería Compostela, a Xunta de Goberno deulle o seu visto á ampliación nunha hora do horario de peche dos establecementos de hostalería, do 18 ao 27 de marzo, coincidindo coa Semana Santa.

Tamén se aprobou un orzamento de 18.972,80 euros para o programa Imos ao baile. Esta actividade vaise desenvolver na Casa das Asociacións de Cornes (7 bailes) e noutros 14 centros socioculturais de diferentes barrios e parroquias.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago, relativo á convocatoria do premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres. Tamén se aprobaron as bases da convocatoria, que establece dúas modalidades de premio (ensaio e creación audiovisual) cunha dotación de 2.500 euros para cada unha delas. O prazo para a presentación de traballos irá do 8 de marzo ao 31 de decembro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: