DEPORTE

O Goberno local aposta por renovar o modelo de xestión do Refuxio de Animais

26/02/2016 A concelleira de Benestar Animal presidiu esta mañá unha reunión do Padroado da Fundación Refuxio de Animais, na que presentou unha proposta para renovar o modelo de xestión do refuxio. Noa Morales formuloulles aos membros do Padroado a posibilidade de dividir o actual posto de alta dirección de Bando noutros dous contratos, un de director e outro de veterinario. A edil insistiu en que "este modelo sería máis eficiente e máis eficaz, e permitiría afrontar mellor a actual carga de traballo no Refuxio".

A concelleira deu conta desta proposta, sobre a que deberá que decidir o Padroado, nunha reunión na que tamén se analizou a posibilidade de desistir do contrato coa actual directora do Refuxio. Un informe da Asesoría Xurídica do Concello entende que esta medida sería acaída, fundada na perda de confianza tras as actuacións levadas a cabo pola responsable do Refuxio que, o 10 de decembro de 2015, remitiu aos membros do Padroado da Fundación unha carta na que acusaba á concelleira de Benestar Animal de impedir que se levaran a cabo algunhas actividades, de non responder ás súas solicitudes e de darlle un trato marxinal ao Refuxio de Bando. Noa Morales rexeitou estas acusacións, e o Padroado acordou solicitar un novo informe antes de adoptar unha decisión sobre o posible desestimento do contrato de alta dirección.

O informe da Asesoría Xurídica do Concello analizado hoxe explica que o persoal de alta dirección non se rexe polo Estatuto dos Traballadores, senón polo Real Decreto 1382/1985, do 1 de agosto, que sinala o "desestimento do contrato por falta de confianza no traballador como unha das causas de extinción da relación laboral, o que sería impensable no caso dunha relación laboral ordinaria". Tamén advirte que "ao persoal contratado baixo unha relación de alta dirección élle esixible un grao de compromiso, lealdade e boa fe na relación contractual proporcionado ao grao de coñecementos esixidos e responsabilidades exercidas, así como ás condicións laborais e, en particular, retributivas propias do cargo do que desfruta".

Contas e melloras no convenio colectivo do Refuxio
Na reunión de hoxe, o Padroado da Fundación Refuxio de Animais tamén aprobou as contas da anualidade 2014, e deulle o visto bo provisional ás de 2015. Ademais, analizouse o orzamento de 2016, pendente de incorporar novos gastos non contemplados e de estudar a posibilidade de tramitar unha póliza de crédito. A concelleira de Benestar Animal explicou que esta operación é necesaria "porque durante a elaboración dos orzamentos de 2015, o anterior Goberno esqueceu a incorporación da subvención nominativa do Refuxio, que foi preciso incluír despois a través dun modificativo aprobado en pleno".

Noa Morales tamén levou á reunión do Padroado unha proposta para mellorar o convenio colectivo dos traballadores do Refuxio, tanto a nivel salarial como social. A edil explicou que se acordou solicitar un informe económica antes de aprobar esta modificación, e adiantou que os orzamentos municipais de 2016 prevén destinar 23.000 euros máis ao Refuxio, para acompañar esas melloras.

Compartir: