IGUALDADE

O proxecto "Compostela, territorio das mulleres" propón seis actividades para conmemorar o 8 de marzo

23/02/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou en rolda de prensa as actividades que conformarán o proxecto Compostela, territorio das mulleres, que se desenvolverán con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Serán seis as actividades que se realizarán no marco desta iniciativa e durante varias semanas.

Marta Lois estivo acompañada de Lucía Canoura, coordinadora técnica, e Uqui Permui, deseñadora gráfica. Ambas participaron tamén da campaña 25N. Compostela en Negro, promovida pola Concellaría de Igualdade con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Marta Lois destacou que "dende o Concello consideramos que eses esforzos por converxer nas actuacións encamiñadas á promoción da igualdade deben basearse en traballar cunha perspectiva máis ampla e moito máis aló dun só día. Neste marco, propoñemos o desenvolvemento dunha campaña que abrangue varios meses, co obxectivo de traballar con diferentes colectivos e axentes sociais de Compostela para promover sinerxias e fomentar a participación social no deseño e execución do proxecto Compostela, territorio das mulleres.

Por iso o proxecto busca implicar aos sectores sociais e económicos de Compostela na construción dunha cidade máis accesible, máis inclusiva e máis igualitaria.

Mapa feminista de Compostela
Co obxectivo de impulsar a creación da marca Compostela, territorio das mulleres crearase un mapa que servirá para, por unha banda, poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que fan unha aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en Compostela.

Comezarase por abrir o proceso ao sector da hostalería e o turismo de Compostela, para que valoren que contidos poderían incorporar, dende esta perspectiva, nas súas prácticas e espazos, compromisos que se farán públicos a través do mapa. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

Galadas
Co fin de festexar o 8 de Marzo e de presentar Compostela, territorio das mulleres, terá lugar un espectáculo multidisciplinar o día 5 de marzo, na Sala Capitol, dirixido por Mercedes Peón e en colaboración con diferentes mulleres de diversas disciplinas artísticas: Janet Novás, Mónica de Nut, Lucía Aldao, Yolanda castaño, Ana García e o broche final das Tocadoras de Toutón.

Un espectáculo apoiado na intervención sonora e visual mediante danza, vídeo e performance, que servirá para compartir con todas e todos o comezo desta aventura. A entrada será de balde e poderá recollerse no portelo de entradas da Sala Capitol.

Literarias
A través desta iniciativa convidarase ás librarías e editoriais de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero. Concretamente, propónselles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras -a través da poesía, a literatura, o teatro, o ensaio, a banda deseñada, etc- que fomenten os dereitos das mulleres, visibilicen a loita feminista e permitan ollar máis aló dos estereotipos sexistas. Está previsto o seu desenvolvemento do 1 ao 10 de marzo.

Camiños da Auga. Fontes e lavadoiros
Antigamente, as mulleres carrexaban auga para achegala a determinados lugares. A intención é visitar algunhas das fontes máis emblemáticas da cidade e falar doutras que están noutros lugares, ou que xa non existen. Ao redor delas achegarémonos á historia das mulleres e do seu labor cotián. O paseo das fontes está previsto para o 13 de marzo.

O 17 de abril tamén se realizará un paseo por varios lavadoiros de Compostela, falando sobre os usos que lles daban as mulleres. Ámbolos dous paseos estarán guiados pola palabra de Encarna Otero.

Vida propia
Co obxectivo de mellorar a posición social das mulleres de Compostela que viven en contornas rurais, coa posta en marcha do Programa Vida Propia preténdese crear espazos de encontro que contribúan á autonomía das mulleres e ao desenvolvemento da súa plena cidadanía. Espazos para reflexionar sobre o seu papel na sociedade, as súas achegas, que sirvan para configurar a autoría da súa propia vida, desenvolvendo estratexias para aumentar a capacidade de decisión en diferentes ámbitos, crear novos espazos, xestionar os tempos e, en definitiva, valorar a vida propia.

Premio Xohana Torres
O 8 de marzo abrirase o prazo de convocatoria do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Trátase da recuperación dun premio, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteron nun símbolo da cidade.

Estase traballando para que todas estas dinámicas teñan un fío condutor a nivel visual e tamén a través dunha plataforma participativa dixital, cuxa implementación irá máis aló do mes de marzo para permitir recoller as suxestións e as opinións da cidadanía sobre o Mapa de Compostela. Na páxina web do Concello poderase consultar a información actualizada respecto de cada unha destas actuacións. Ademais, distribuirase material de difusión das mesmas en boa parte dos establecementos da cidade.

Inscrición
Para participar en Galadas, Literarias, Camiños da auga ou Mapa de Compostela, os/as interesados/as poden chamar, ou enviar un SMS ou Whatssap ao número de teléfono 646 003 343, ou escribir ao enderezo electrónico territoriodasmulleres@gmail.com.

Para participar no programa Vida Propia, pódese chamar ao número de teléfono 981 680 174 ou escribir ao enderezo electrónico programavidapropia@gmail.com.

Direccións relacionadas



Compartir: