TURISMO

Turismo e Turkish Airlines renovan a súa colaboración para promocionar a cidade

16/02/2016 O alcalde de Santiago e presidente do Consello de Administración de Turismo de Santiago, Martiño Noriega, e o responsable de Turkish Airlines en Galicia, Ertan Alpay, asinaron no Pazo de Raxoi un novo convenio de colaboración entre a empresa municipal de promoción turística e a compañía turca. O convenio, que non contempla ningunha aportación económica por ningunha das partes, está destinado á promoción da cidade como un destino turístico na rede de destinos onde opera a aeroliña turca.

Trátase do cuarto convenio anual que asinan Turismo de Santiago e Turkish Airlines dende que a compañía implantase a súa conexión entre Estambul e Santiago no 2013. Os tres convenios anteriores permitiron que se organizaran múltiples accións, como viaxes a Santiago de xornalistas, touroperadores e axentes de viaxe, que se fixeran eventos de promoción en Xapón, que Santiago participara por primeira vez na EMITT, principal feira turística de Turquía, ou que se patrocinasen eventos organizados en Santiago dentro do Ano Dual Xapón España.

O novo convenio permitirá que ambas entidades profunden no deseño das accións de promoción de Santiago, con accións en mercados de orixe considerados oportunidades para a cidade e cos que Turkish Airlines ten unha boa conectividade a través do seu hub en Estambul, como Corea do Sur, e accións na propia cidade para que os profesionais estranxeiros poidan coñecer de primeira man a oferta turística do destino.

Dende Turismo de Santiago considérase que a conexión Santiago-Estambul é unha conexión estratéxica para o aeroporto de Santiago, principalmente por dúas razóns: polo prestixio que supón que Turkish Airlines, recoñecida como unha das mellores compañías aéreas do mundo, opere no aeroporto de Santiago; e polo inmenso abano de conexións que ten Turkish Airlines no seu hub de Estambul, que permite mellorar a conectividade internacional de Santiago, especialmente cos mercados asiáticos.

Compartir: