MEDIO AMBIENTE

Xan Duro recolleu o diploma concedido a Santiago como finalista nos Premios Ciudad Sostenible polo proxecto Tropa Verde

03/02/2016 O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, recolleu de mans da ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en funcións, Isabel García Tejerina, o diploma que recoñece ao Concello de Santiago como finalista nos XIII Premios Ciudad Sostenible, promovidos pola Fundación Fórum Ambiental. A cidade foi distinguida na categoría "Xestión de Residuos", polo proxecto Tropa Verde.

O proxecto Tropa Verde naceu en 2015 para fomentar a reciclaxe e a cultura da responsabilidade ambiental entre a cidadanía. Tomando como campo de xogo as rúas de Santiago de Compostela, os cidadáns que se rexistren en Tropa Verde e realicen accións responsables ambientalmente, como entregar residuos nos puntos limpos, reciben recompensas, descontos e premios nos comercios e na hostalería local.

Para facilitar a entrega destes residuos, o Concello de Santiago e Urbaser achega os puntos limpos de Piñor e do Tambre, e o Punto Limpo Móbil. Tamén colaboran os centros socioculturais.

Tropa Verde conta co patrocinio de diversos establecementos do municipio, que ofertan recompensas. Estas van dende descontos en tratamentos de saúde ou menús e consumicións, ata agasallos sorpresa.

Compartir: