EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Concerto da Escola Municipal de Música no Programa Universitario de Maiores da USC

29/01/2016 Este venres 29 de xaneiro, ás 19:00 horas, a igrexa da Universidade acollerá a primeira das propostas educativas e culturais acordadas entre o Concello e a USC para que o alumnado do IV Ciclo da USC poida participar ao longo deste curso escolar na programación da Escola Municipal de Música. Será un concerto no acto de apertura do segundo trimestre do Programa Universitario de Maiores da USC.

O pasado 21 de decembro, o Concello de Santiago e a USC asinaban un convenio para a realización de actividades no ámbito da educación non formal e de convivencia. Os encargados de firmar o acordo foron o alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Juan Viaño, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi no que tamén participaron o concelleiro de Educación, Manuel Dios; o vicerreitor de Oferta Docente e Calidade Educativa, Roberto Javier López; e a directora do Cuarto Ciclo da USC, Esther Olveira.

O convenio ten como obxectivo promover que o alumnado do Programa Universitario de Maiores, o chamado Cuarto Ciclo, participe da oferta educativa do Departamento de Educación e Cidadanía, así como doutros servizos municipais que ofrezan programas transversais de interese para ese colectivo. Para iso, o Concello comprometeuse a poñer a disposición deses estudantes maiores de 50 anos todas aquelas iniciativas, programas, recursos e equipamentos municipais que favorezan o desenvolvemento dos obxectivos do Programa Universitario de Maiores. Pola súa banda, a Universidade comprometeuse a darlle difusión e participar nas actividades impulsadas dende o Concello.

Daquela, o alcalde sinalou que este convenio é "unha mostra máis da relación fluída e cooperativa que manteñen a Universidade e o Concello, dúas das patas da mesa da cidade". Martiño Noriega insistiu en que a institución municipal ten que ser "un ente facilitador, e poñer todas as súas instalacións e recursos persoais ao dispor desta iniciativa da USC".

Pola súa banda, o reitor salientou que é a primeira vez que se firma un convenio de colaboración relacionado co Cuarto Ciclo, malia a que a USC mantén este servizo dende hai xa 18 anos. Juan Viaño xustificou a importancia deste acordo no feito de que "os maiores de 50 anos teñen cada vez unha maior presenza na sociedade, por mor do aumento da esperanza de vida. Os xubilados deben poder formarse e participar en actividades ás que non puideron acceder ao longo das súas vidas". Viaño explicou que a Universidade de Santiago conta con 380 alumnos neste Programa Universitario de Maiores, que "poderán participar na amplísima oferta educativa e de actividades do departamento de Educación do Concello".

Programa de actividades formativas e culturais
O convenio contempla a posibilidade de que os alumnos do Cuarto Ciclo da USC se inscriban en distintas actividades impulsadas ou que contan coa colaboración do Concello. Así, poderán participar na programación da Escola Municipal de Música e da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio, e en iniciativas do Departamento de Educación como as xornadas teórico-prácticas sobre o patrimonio funerario de Compostela, ou a Memoria Audiovisual da cidade.

Por último, os estudantes do Programa Universitario de Maiores terán a oportunidade de ser parte do plan piloto en mobilidade sénior do estudo sobre "Mobilidade Sénior, o camiño seguro de todos", que desenvolve o Real Automóbil Club de España (RACE) en colaboración co Concello de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: