MEDIO AMBIENTE

O paisaxista Iñaki Alday ofrece unha conferencia na sede da Fundación Granell

25/01/2016 O prestixioso arquitecto Iñaki Alday estará este martes en Compostela para presentar o Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos, do que é autor. Aproveitando a súa visita, o paisaxista pronunciará unha conferencia na sede da Fundación Granell, baixo o título Paisaxe socioecolóxica, o novo patrimonio de Santiago de Compostela. A cita, ás 19:00 horas, é aberta ao público en xeral. Ademais, o Concello invitou a representantes de asociacións de veciños, comerciantes e empresarios, así como de colexios profesionais.

O Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos de Santiago ten como obxectivo definir as prioridades de actuación para lograr unha xestión máis eficiente e sustentable dos parques e xardíns de Compostela. A elaboración deste documento foi unha das melloras do prego de mantemento das zonas verdes, que lle foi adxudicado á empresa Cespa na pasada lexislatura. Cun orzamento de 144.085 euros, o Plan Director foille encargado a a Alday-Jover Arquitectos.

O documento, que tamén será presentado mañá, analiza o conxunto do termo municipal de Compostela, tanto as parroquias como o centro urbano.

Iñaki Alday é socio, xunto con Margarita Jover, de AldayJover. Trátase dun despacho que dende o ano 1996 realiza traballos de arquitectura pública e de paisaxe, que foron recoñecidos con diversos premios como o FAD, o Premio Europeo de Espazo Público Urbano ou o García Mercadal en dúas ocasións. Tamén foi finalista da Bienal de Arquitectura Española nos anos 2008 e 2009, e da Bienal Iberoamericana de Arquitectura en 2004. Iñaki Alday foi profesor asociado de Proxectos Arquitectónicos na ETSA do Vallés (UPC), e mantén a súa actividade docente en varios másters e cursos de especialización en distintas universidades.

Compartir: