MOBILIDADE

Éxito de participación no primeiro plenario do Pacto pola Mobilidade

22/01/2016 Preto de 80 persoas participaron esta semana no primeiro plenario do Pacto pola Mobilidade, unha das mesas de traballo previas á elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O encontro, centrado nos temas do vehículo privado e o aparcamento, contou coa intervención de Juan Requejo Liberal, un recoñecido experto en mobilidade, turismo e cidade histórica.

O plenario, celebrado no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, estivo presidido polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte. Ademais, contou coa participación de representantes dos catro grupos políticos da Corporación, e de membros das asociacións de veciños Raigame, Santa Marta, As Marías, Sandra Prego Rial, A Xuntanza, Amigos de San Pedro e Pontepedriña, entre outras. Tamén asistiron representantes de colectivos directamente vinculados coa mobilidade como Radiotaxi, a Asociación de Taxistas de Compostela, Composcleta ou Ciclistas Asociados Galegos; e membros dos colexios oficiais de Arquitectos. Enxeñeiros de Camiños ou Psicólogos. Por último, na reunión estiveron representadas empresas como Autocares Mosquera, Tralusa, AUCASA; así como a Cámara de Comercio, a Federación Galega de Transporte de Viaxeiros, a Asociación de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia ou COGAMI.

Por un uso racional do coche
Na reunión púxose de manifesto a necesidade de facer un uso racional do coche, facilitando o cambio a modelos que primen o transporte colectivo. Na mesma liña, tamén se apostou por favorecer e promover a rotación dos vehículos en superficie, xerarquizando os usos do espazo para que as persoas teñan sempre prioridade sobre os vehículos. Nese sentido, tamén se incidiu na necesidade de dimensionar e activar políticas de racionamento da zona azul, para atender as necesidades de aparcamento de moi curta duración. No eido do estacionamento, apostouse por buscar alternativas que sexan acaídas para tres tipo de perfís: os residentes, os visitantes e os traballadores ou estudantes. Neste último caso, enténdese que é preciso apostar por aparcadoiros disuasorios de borde.

Ademais, o plenario serviu para analizar os problemas aos que se enfronta o transporte de mercadorías, e nesa liña sinalouse a importancia de garantir unha distribución áxil que teña un mínimo impacto sobre a mobilidade. Algunhas das ideas apuntadas polos participantes foron a construción dun centro de transporte e plataforma loxística nas aforas da cidade que incentive un reparto final menos agresivo ou a actualización das ordenanzas que regulan a carga e descarga.

Intervención de Juan Requejo Liberal
No plenario participou Juan Requejo Liberal, licenciado en Ciencias Económicas e en Xeografía, e que traballa como consultor de planificación. Nos seus trinta anos de traxectoria, colaborou con organismos internacionais como Nacións Unidas ou a Unión Europea, cos ministerios españois de Fomento e Turismo, e con gobernos de países como Marrocos, Bolivia, República Dominicana ou Mozambique.

Próximos plenarios e Pacto pola Mobilidade
Despois do plenario da pasada semana, está previsto que antes de que remate febreiro se celebren outros dous, sobre modos brandos de transporte e sobre transporte público". As conclusións destes encontros recolleranse nun documento que servirá de base para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, garantindo así que sexa un plan participado pola cidadanía e polos diferentes grupos políticos. Ademais, a cidadanía en xeral pode seguir facendo as súas aportacións ao proceso a través de dúas vías: na páxina web www.santiagodecompostela.gal/pactomobilidade, e a través da conta de Twitter de @maisbus, co hashtag #MoveCompostela.

Os obxectivos últimos do Pacto pola Mobilidade son conseguir unha cidade na que se prime a persoa fronte ao coche, que sexa inclusiva, accesible e saúdable, que prime a soberanía enerxética, a seguridade e o urbanismo de proximidade, e na que todos os colectivos e administracións estean integrados.

Compartir: