IGUALDADE

A diagnose sobre as desigualdades de xénero será o punto de partida para o deseño dun Plan Municipal de Igualdade

21/01/2016 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou esta mañá a diagnose sobre as desigualdades de xénero na cidade, elaborada entre setembro e decembro de 2015. Este documento servirá de base para sustentar o próximo Plan de Igualdade, incluído no anteproxecto de orzamentos de 2016.

Marta Lois destacou que "a última diagnose sobre desigualdades de xénero se fixo en 2008, mentres que o último Plan de Igualdade data de 2009. Elaborouse por un período de dous anos e, en 2011, o Goberno local de entón decidiu prorrogalo ata o 2014 en troques de deseñar un novo, polo que na nosa cidade actualmente carecemos dun Plan de Igualdade". A concelleira asegurou que o "Goberno municipal ten unha vontade firme de promover unhas políticas municipais de igualdade de xénero transformativas seguindo as recomendacións internacionais".

Este estudo está formado por unha parte cuantitativa de análise da información e outra cualitativa, que se sustentou nun amplo proceso participativo onde interviñeron máis de 40 entidades e colectivos de mulleres. Nesta parte realizáronse entrevistas en profundidade a responsables de asociacións e colectivos en defensa da igualdade, ás que se sumaron mesas de traballo e un encontro de mulleres.

Principais resultados
O documento ofrécenos datos que amosan os niveis de desigualdade en todos os eidos na cidade de Santiago. A nivel laboral, as taxas de paro femininas son superiores ás masculinas e o maior número de mulleres desempregadas están entre os 35 e os 39 anos. Ademais, para as mulleres, o nivel de estudos resulta fundamental para conseguir emprego, cun 55,8% de contratacións iniciadas cun nivel de formación superior.

Dende o punto de vista educativo, hai unha clara feminización do profesorado no ensino non universitario (65,7%) mentres que na educación universitaria só o 39,2% son mulleres. Onde se observa unha maior fenda é no caso das cátedras, xa que en 2014 as mulleres tiñan só un 21,8% destes postos. Pervive polo tanto, unha situación de desigualdade no persoal docente universitario, a pesares de que o número de alumnas neste tipo de educación segue a ser superior ao número de alumnos, sobre todo en artes, humanidades e ciencias sociais.

Nas mulleres de máis de 65 anos obsérvase tamén unha importante desigualdade. Santiago conta cunha poboación de 1.480 persoas beneficiarias de pensións por xubilación, das que o 68,6% son mulleres. A maioría delas cobran 631,3 euros de pensión, mentres que os homes chegan aos 887,93 euros.

Nesta diagnose tamén se reflicte un dato preocupante en materia de violencia de xénero. Segundo datos do partido xudicial de Santiago, no 2014 produciuse un incremento substancial do número de denuncias con respecto ao ano anterior, pasando das 126 en 2013 ata as 244 en 2014.

A nivel cualitativo, as mulleres que participaron na diagnose sobre desigualdades de xénero en Compostela coinciden en que a falta de igualdade é patente en eidos como o emprego, o benestar ou o tempo de lecer. Aseguran que segue existindo gran dificultade para conciliar a vida laboral e familiar e que se produce invisibilización das mulleres en moitos traballos, como por exemplo en relación á muller labrega. Nas empresas, só as que contan con máis de 250 traballadores/as están obrigadas a elaborar un Plan de Igualdade.

No ámbito da saúde, o estudo di que existe unha ausencia de formación de profesionais en relación coa atención específica que requiren as mulleres e as súas crianzas, ao que se lle suma a falta de recursos para a interrupción voluntaria do embarazo e a vulnerabilidade das mulleres maiores ou sen teito.

Plan de Igualdade
Este estudo, elaborado polo Concello en colaboración coa consultora Cidadanía, servirá para elaborar o vindeiro Plan de Igualdade, considerado "polas persoas expertas o principal instrumento de xestión que teñen as administracións públicas para desenvolver as políticas de xénero".

O Plan de Igualdade vén recollido no anteproxecto de orzamentos presentado polo Goberno, cunha partida orzamentaria en materia de igualdade de 517.356 euros, un 57% máis que o recollido no orzamento de 2015.

Marta Lois insistiu ademais na necesidade de facer políticas transversais. Por iso destacou que "dende a Concellería de Igualdade se promoverá que todas as demais incorporen e teñan en conta o enfoque de xénero nas súas políticas".

Documentos relacionados



Compartir: