ESPAZOS CIDADÁNS E CONVIVENCIA

Este próximo luns comezarán os cortes de tráfico na rúa de Montero Ríos

15/01/2016 As obras de humanización de Montero Ríos entrarán o luns nunha nova fase, que obrigará a aplicar os primeiros cortes de tráfico. Os concelleiros de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e Convivencia, Xan Duro, deron conta este venres dos principais cambios para a circulación, así como do calendario previsto para os traballos.

A partir do luns empezarase a colocar o primeiro tramo do novo colector da rúa, no cruce entre Montero Ríos, Rapa da Folla e a rúa Nova de Abaixo. A duración destes traballos está estimada en 15 días. Por este motivo, os vehículos que suban pola rúa Nova de Abaixo terán que xirar obrigatoriamente á esquerda, para saír cara Rosalía de Castro a través de Rapa da Folla. Os vehículos que baixen por esta rúa poderán seguir facendo o xiro a esquerda ou dereita, tal e como fan ata o de agora.

Unha vez rematada esta fase, as obras continuarán entre este cruce e a rúa Rosalía de Castro, e deste xeito haberá que aplicar novos cortes de tráfico.

Obras planificadas por tramos
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que as obras de Montero Ríos están planificadas por tramos. O último será o comprendido entre Xeneral Pardiñas e Doutor Teixeiro, e está previsto que os traballos cheguen a esta zona de cara ao verán, para ter un menor impacto na actividade comercial. Jorge Duarte comprometeuse a facilitar información de xeito puntual aos veciños e comerciantes, para que coñezan os cambios no tráfico. O edil de Convivencia, Xan Duro, aclarou que as obras se levarán a cabo en carrís alternos, para deste xeito garantir que os residentes poidan acceder sempre aos seus garaxes.

Humanización da rúa
O proxecto de humanización de Montero Ríos, aprobado xa polo Goberno anterior, seguirá a liña das obras de reurbanización acometidas no Ensanche nos últimos anos. A actuación ten como obxectivo gañar espazo para os peóns e reducir o tráfico na zona. Para iso ampliaranse as beirarrúas, e as zonas de carga e descarga non poderán ser utilizadas polos vehículos máis alá deste horario, salvo para paradas puntuais de non máis de cinco minutos.

Tamén se crean dous espazos para o aparcamento de bicicletas e tres áreas para o estacionamento de motos. Un dos cambios máis salientables que sufrirá a rúa ten que ver co cruce entre Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, que vai ver elevada a súa cota para marcar con claridade que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos. O tratamento deste punto da rúa daralle unha estética próxima á dunha praza. O proxecto de humanización de Montero Ríos, adxudicado á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L., conta cun orzamento de 1.220.820,79 euros (IVE incluído).

Compartir: