ALCALDÍA

O alcalde invita a veciñanza a participar na construción da Compostela do futuro

29/12/2015 O Centro Galego de Arte Contemporánea acolleu esta tarde o acto co que o Concello celebrou o 30º aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Foi unha cerimonia sinxela, conducida pola xerente do Consorcio, Belén Hernández, e que estivo amenizada por alumnado da Escola Municipal de Música.

O acto comezou coas intervencións dos voceiros dos catro grupos municipais: Rubén Cela, do BNG; Francisco Reyes, do PSOE, Agustín Hernández, do PP; e Marta Lois, voceira municipal de Compostela Aberta. Os catro fixeron as súas reflexións sobre o que supuxo a declaración de Patrimonio da Humanidade, sobre o conseguido ao longo destes 30 anos, e do que queda por facer de cara ao futuro.

Despois foi a quenda do alcalde compostelán, que explicou que o Concello adiou ata este martes a celebración deste 30º aniversario, que se cumpriu o día 4 de decembro, para "afastar a celebración da política do día a día e das eleccións xerais". Martiño Noriega agradeceu a participación dos voceiros dos catro grupos, e reiterou o seu "ofrecemento a continuar a construír o consenso ao redor das cuestións básicas da cidade". O rexedor tamén tivo palabras de recoñecemento para o Consorcio de Santiago e para Xerardo Estévez, alcalde da cidade en 1985.

O tempo das persoas
O alcalde compostelán fixo un repaso pola historia da cidade e polo seu papel como "xénese da identidade colectiva europea". Tamén recordou as oportunidades que abriu a declaración de Patrimonio da Humanidade, como a creación do Consorcio, o desenvolvemento do Plan Especial da Cidade Vella ou a inclusión no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Martiño Noriega salientou que "nestas tres últimas décadas aprendemos, entre todas e todos, a conservar a riqueza patrimonial de Compostela, sentar as bases da cidade vella, e construír colectivamente este respecto polo noso pasado". Agora, dixo o rexedor, "procuramos novos fitos, un novo xeito de facer as cousas que se centre nas persoas, nas súas necesidades, nas súas opinións, no seu benestar". Para o alcalde, o reto de futuro é "superar esta visión exclusivamente museística de Santiago, e facer unha grande reflexión colectiva sobre a nosa cidade como punto e destino de millóns de persoas."

Noriega quixo aproveitar o acto para convidar a toda a veciñanza a participar no deseño do novo Plan Especial que marcará as estratexias de cidade para as próximas décadas, un Plan que ten que ser "participado e colocando o foco nas persoas". E é que, segundo o rexedor, "vós, as persoas, a xente, sodes o noso principal patrimonio. Sabemos que levades a Santiago no corazón e é por iso que sodes os Corazóns de Compostela".

Conferencia de Xerardo Estévez
A conmemoración do 30º aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade tivo como especial protagonista ao que era rexedor de Compostela en 1985, Xerardo Estévez. O ex alcalde pronunciou unha conferencia baixo o título "Cidade histórica e Camiño, un mesmo porvir".

O acto desta tarde reuniu no CGAC á práctica totalidade da corporación municipal, e a distintas autoridades como o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o arcebispo, Julián Barrio; o ex alcalde Xosé Sánchez Bugallo; o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, e varios ex concelleiros. Tamén estivo representada a cidadanía compostelá, a través de membros de colexios profesionais, asociacións de empresarios, comerciantes e profesionais, colectivos veciñais e cidadanía en xeral.

Direccións relacionadas



Compartir: