DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello lanza Efecto Proximidade para favorecer o desenvolvemento económico e social dos mercados de Compostela

23/12/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou o programa Efecto Proximidade, acompañada de Ramón Pinheiro Almuinha, director artístico de aCentral Folque, empresa contratada para a organización da actividade, e Marcos Teira, músico e director do espectáculo Flamenco impuro.

Baixo o nome de Efecto Proximidade, aCentral Folque organiza unha serie de actividades promovidas polo Concello de Santiago de Compostela para dinamizar unha das feiras regulares máis coñecidas da cidade: o mercadiño de Salgueiriños. Esta proposta enmárcase na axenda do Concello para promover durante esta lexislatura o desenvolvemento económico e social dos mercados de Compostela.

Este xoves 24, día de Noiteboa, coincidindo coa celebración semanal do mercado, porase en marcha a iniciativa Efecto Proximidade, que pretende conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta aos actores e axentes locais.

Durante a mañá, sucederanse actividades artísticas para lecer dos asistentes habituais e especiais que se queiran achegar aos mercado: regueifa, chocolatada e un concerto de flamenco. Todo isto nunha carpa instalada entre os postos do mercado.

Regueifa
A animación comezará ás 11:30 horas cunha sesión de regueifa con Luís Caruncho e Alba María. Foi nas feiras e mercados tradicionais onde a regueifa pasou de ser un espectáculo doméstico a unha práctica profesionalizada. Despois dun momento crítico no que se temeu pola supervivencia desta antiga arte retórica, musical e literaria de tradición oral, unha nova xeración de novos improvisadores están a espertar interese e entusiasmo entre novos e maiores con as súas irrepetibles postas en escena.

No combate satírico-poético que se desenvolverá en Compostela presentaranse dúas das voces máis recoñecidas na nova fornada de improvisadores galegos. O grande mestre Luís o Caruncho e a muller máis destacada desta particular arte, Alba María.

Chocolatada
A continuación, ás 12:30 horas, coa colaboración da Cafetería Vox Populi e de A Taberna de Moncho, realizarase unha chocolatada popular, aberta a todo o que se achegue ata Salgueiriños. As devanditas cafeterías, situadas ao pé do mercado, servirán chocolate gratis, que se poderá acompañar cos churros feitos ao momento na churrería ambulante do mercado de Salgueiriños.

Concerto
A mañá festiva concluirá co concerto Flamenco puro, a cargo de Marcos Teira e os Flamencos do Milladoiro. Marcos Teira estará á guitarra, Iria Peña ao cante e os músicos xitanos Moisés Fernández e e Isaías Monteiro estarán á percursión e ao baile, respectivamente.

Marcos Teira é o guitarrista flamenco de referencia na música galega. Posúe unha longa e recoñecida traxectoria na que colaborou con sólidas formacións e artistas galegos e internacionais coma Pablo Milanés, Marful, Narf, Uxía, Rodrigo Romaní ou Budiño. Realizou discos de jazz ou de folk, aínda que o flamenco é a súa mellor expresión. No seu último traballo en solitario, Flamenco Translations, adaptou músicas de todo o mundo á linguaxe do flamenco.

Compartir: