DIVERSIDADE

A campaña de sensibilización Xunt@s Facemos Compostela chega á súa fin cunha exposición fotográfica de rúa

21/12/2015 O Concello de Santiago, en colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz, pon en marcha esta semana unha exposición fotográfica de rúa dentro da campaña Xunt@s Facemos Compostela.

Esta campaña busca sensibilizar en prol das persoas inmigrantes que viven na cidade e por en valor o aporte que fan á convivencia. Trátase dunha actividade que ten como finalidade sensibilizar e promover a interculturalidade.

Judith, de Angol; Naiz, de Afganistán; Paul, de Romanía; Alejandro, de Cuba; Marlyn e Juan, de Paraguai; Natalia, de República Dominicana; Ghaleb, de Palestina; Quan, de China; Kaede, de Xapón; Imane e Moha, de Marrocos; e Laurence, de Francia, prestan a súa imaxe para demostrar que a convivencia entre diferentes culturas é algo positivo. Todos e todas eles séntense ademais parte da cidade dende hai anos.

Queren con este paso ao fronte demostrar que os medos, os prexuízos e a intolerancia son os que non aportan nada as nosas cidades e aos nosos barrios. Buscan demandar que as persoas que emigran ou que foxen dos seus países teñan os mesmos dereitos que calquera outra persoa.

"Con esta campaña o que pretendemos é aportar o noso gran de area para que a cidadanía dese de conta que xa nos estamos beneficiando dos procesos migratorios e que entre nós, entre as nosas amizades, entre a nosa veciñanza, nas nosas universidades, nos nosos centros educativos xa temos moita xente de orixe estranxeiro que nos está aportar moitas cousas positivas, e cremos que tanto a administración pública, como as entidades sociais como a propia cidadanía debería por toda a súa experiencia e a súa enerxía para facer de Compostela unha verdadeira cidade de acollida", comenta Lorena Seijo, de ACPP Galicia.

O Concello de Santiago distribúe estas 12 imaxes en 12 mupis publicitarios por diferentes barrios de Santiago, dende Vite a Fontiñas, pasando por Vista Alegre ou por San Lázaro, para que as persoas que se atopen con estas imaxes pola rúa, se paren un intre a ler as frases de cada unha delas e se pregunten a si mesmos se, de verdade, cren que a inmigración é un problema.

Ademais repartirase cartelería por toda a cidade con estas mesmas imaxes para que se coñezan as súas historias, que representan aos máis de 4.500 persoas de orixe estranxeiro que viven no municipio, é dicir, ao redor do 4.5% da poboación de Compostela.

Dentro desta campaña que comezou no mes de novembro, enmarcada dentro das iniciativas a prol da acollida de persoas refuxiadas, tamén houbo obradoiros artísticos para nenos e nenas que asisten aos centros socioculturais para reflexionar sobre a inmigración e a cor da pel, obradoiros de teatro para adolescentes nos institutos para debater sobre os procesos migratorios e charlas para afondar nas problemáticas das persoas refuxiadas.

Compartir: