CONVIVENCIA E EDUCACIÓN

Os alumnos do IES Xelmírez II presentan no Concello un Proxecto de Seguridade Viaria

15/12/2015 Un grupo de alumnos do IES Xelmírez II visitou esta mañá o Pazo de Raxoi para presentar o Proxecto de Seguridade Viaria que realizaron ao longo dos dous últimos cursos, centrado no contorno do seu centro. Os rapaces, acompañados polos seus profesores, foron recibidos polos concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.

Os alumnos desenvolveron un proxecto educativo orientado á seguridade viaria, durante os cursos académicos 2013-2014 e 2014-2015. O estudo foi realizado dende o punto de vista dos peóns, e tiña como obxectivo consolidar comportamentos cívicos no espazo público, previr condutas de risco e identificar as deficiencias das vías públicas que son responsabilidade da Administración.

Principais problemas detectados no estudo
No seu proxecto de seguridade viaria, os alumnos do IES Xelmírez II detectaron unha serie de problemas na contorna do seu centro. Así, en relación á rúa Irmandiños, os rapaces falan de que "está pouco urbanizada e co aspecto semellante ao dunha estrada secundaria, cando se trata dunha vía urbana con gran volume de tráfico". Tamén se queixan de problemas de visibilidade, mala sinalización e falta de beirarrúas no tramo de subida cara o mercado de Salgueiriños.

En canto á rúa San Caetano, o estudo elaborado polos estudantes fala de problemas co semáforo ubicado diante da ermida, do que din que "transcorre moito tempo entre que se preme o botón e se pon en verde, e non dá tempo suficiente a cruzar, xa que ten un tempo de apertura de 14 segundos para unha vía de catro carrís de circulación". Os alumnos tamén denuncian problemas para o cruce dos peóns na praza de España, onde conflúen numerosas rúas e hai unha alta densidade de tráfico.

Na avenida do Cruceiro da Coruña, o informe dos alumnos do Xelmírez II detectou problemas relacionados con beirarrúas moi estreitas ou inexistentes, problemas de visibilidade, tráfico moi intenso e excesos de velocidade, e pouco tempo de apertura dos semáforos. Por último, na avenida Rodríguez de Viguri e na rúa das Cancelas, os rapaces tamén consideran que faltan beirarrúas, son estreitas e non hai pasos de peóns suficientes.
O estudo foi elaborado polos alumnos do IES Xelmírez II Eva Carollo Brea, Jorge Forján Iglesias, Ailén Novais Suárez, David Pampín Villares e Sergio Rouco Quintáns.

Compartir: