EDUCACIÓN

Santiago volverá acoller o Foro Emociona con 10 ponentes e máis de 1000 participantes

20/10/2015 Terá lugar o vindeiro sábado 7 de novembro do Palacio de Congresos e Exposicions da cidade.

 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a segunda edición do Foro de Educación Emocional e Social: foro de intelixencia emocional, que volve a Santiago tralo éxito da primeira edición. Neste caso terá lugar o vindeiro sábado 7 de novembro do Palacio de Congresos.  

EMOCIONA 2015 mantén os obxectivos didácticos do I Foro buscando mellorar o desenvolvemento persoal e profesional das persoas que asistan para que traballen as súas competencias emocionais e sociais, dotándoas de ferramentas para mellorar as súas habilidades empezando polo autodesenvolvemento, xestionando as súas emocións de forma intelixente. Manuel Dios recordou, pola súa profesión de docente que "é preciso buscar un equilibrio entre a racionalidade e o que ten que ver coa razón e as emocións, desaprendendo da violencia e tendo a educación afectiva e emocional como clave".  

O foro contará con 10 ponentes do máximo nivel que compartirán 8 horas emocionais e emocionantes desde as 9:15 ata as 18:45. Contarase coa presenza de profesionais de recoñecido prestixio nas súas áreas como José Antonio Marina, Laura García Agustín, Pablo Fernández Berrocal, Francisco José Cesteros García, Carmen Loureiro, Silvia Escribano, Verónica Cruz Colmenero, Pedro Delgado Linares, Jorge Salinas e César Bona. Os participantes poderán crear un programa a súa medida e poderán elixir os itinerarios que máis se axusten os seus intereses. Ademais o Foro contará con máis de 1000 educadores entre pedagogos, orientadores, educadores sociais, psicólogos, coaches, pais e nais…   O Foro de Intelixencia emocional e social está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aplicar os últimos coñecementos sobre intelixencia emocional e social ao campo do seu traballo ou da súa vida persoal e desenvolver novas competencias que permitan mellorar a súa propia motivación e ser capaz de liderar novos proxectos.

Compartir: