MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago terá nos vindeiros meses o Plan Director de Parques e Xardíns do arquitecto Iñaki Alday

30/09/2015 O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, mantivo hoxe unha xuntanza con Ferrovial, representantes do despacho de arquitectos AldayJover, e coa xerente e a arquitecta do Consorcio para poñer en común as reflexións sobre a maqueta de Plan Director de Parques e Xardíns entregado polo arquitecto Iñaki Alday.

Plantexáronse propostas en base a esa maqueta, de tal forma que o Plan Director definitivo poderá estar finalizado nos vindeiros meses, cando se incorporen as propostas doutros entes coma o Consorcio, fundamental para o desenvolvemento da cidade e parte importante nun proceso a longo prazo como é a implantación deste Plan Director.

Xan Duro considera que se trata "dunha ferramenta tremendamente útil para dar unha visión de cidade, integrando aspectos de xardinería tradicional con outros conceptos globais da paisaxe e da xestión do territorio, tanto desde unha óptica urbana como desde o punto de vista de estrutura de parroquias". O Plan Director incorpora a creación de corredores ecolóxicos, de parques fluviais e doutros elementos integradores da paisaxe cunha sinalada presenza da auga como recurso ambiental e patrimonial. Analiza as zonas verdes de Santiago entendidas no seu sentido amplo, para definir as estratexias que guiarán futuras actuacións. "Introduce liñas de traballo que nos achegan ao modelo de slow city, con propostas sobre as relacións económicas dentro do territorio, como o cooperativismo agrario, os mercados locais ou a artesanía", indica.

Esta maqueta aproxímase á cidade dende varias escalas: territorial, cidade e xardín urbano, analizando en cada unha delas os principais sistemas: auga, usos, mobilidade e paisaxe. A elaboración dun Plan Director era unha das propostas que incorporaba a oferta gañadora da licitación de Parques e Xardíns, que recaeu en Ferrovial.

Compartir: