CONVIVENCIA

O Concello de Santiago anima os nenos e nenas a ir andando ao colexio

23/09/2015 A Policía Local de Santiago quere que os nenos e nenas vaian camiñando aos seus colexios, e poidan facelo de forma segura. Por iso, vén de poñer en marcha o proxecto Colecamiños, unha experiencia pioneira en Compostela que inclúe diversas actividades, e que se desenvolverá inicialmente no CEIP Pío XII.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a oficial da Policía Local Diana Parente, foron os encargados de presentar a campaña, protagonizada pola mascota Moito Olliño, deseñada a partir do debuxo gañador dun concurso convocado entre os escolares. A iniciativa vai máis alá dun carácter exclusivamente educativo, senón que abrangue a todas as áreas de xestión municipal que teñen competencias no deseño, na habitabilidade e na seguridade do espazo público.

O CEIP Pío XII será o primeiro colexio no que se poña en marcha esta experiencia, que xa funciona con éxito en moitos países europeos, e en cidades máis próximas como Pontevedra. A Policía Local tén deseñados catro itinerarios para que os nenos cheguen con seguridade ao centro, e tendo que cruzar o menor número posible de pasos de peóns. As rutas parten da praza de Vigo e a praza Roxa, o Campus, Santa Isabel, e o casco vello. Son itinerarios dun máximo de 850 metros, e que se poden percorrer a pé nuns 10 minutos. Para facilitarlles as cousas aos pais, nos puntos de orixe destas rutas reservaranse espazos nos que poidan parar uns minutos cos seus coches para deixar aos nenos.

Nunha primeira fase, será o persoal de Protección Civil o que garanta a seguridade dos cativos, axudándolles nos cruces. Cando o programa estea máis implantado, a intención é que sexan voluntarios os que se ocupen desta labor. Ademais, as tendas situadas nos catro percorridos deseñados colaboran co Colecamiños, e os nenos poderán dirixirse aos seu traballadores cando precisen dalgún tipo de axuda. Os establecementos estarán sinalizados cun cartaz coa mascota Moito Olliño.

Bo para os nenos, bo para a mobilidade
Na actualidade son poucos os nenos e nenas que gozan desa experiencia de iren camiñando ao colexio. Iso é así polas présas e polos ritmos de vida excesivamente acelerados que levamos, pero tamén porque as familias son moi protectoras cos pequenos. O hábito de levalos en coche ata a mesma porta da escola priva aos cativos desas momentos compartidos cos amigos, pero tamén lle pon trabas ao desenvolvemento da súa autonomía. Nese sentido, a oficial da Policía Local Diana Parente explicou que hai estudos que apuntan a que aos oito anos os cativos xa teñen as capacidades psicolóxicas e psicomotrices necesarias para seren autónomos.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu nos problemas para a fluidez do tráfico que supón a práctica de levar aos nenos en coche ata a mesma porta do colexio. Xan Duro avogou por recuperar a cidade para as persoas que viven nela, tamén para os máis novos. Ademais, sinalou que, coas présas, os pais e nais convértense ás veces nos peores modelos a seguir no que ten que ver coa seguridade viaria.

Direcciones relacionadas



Compartir: