FESTAS

As festas do Apóstolo, fieis á súa cita co enxalzamento do traxe galego

23/07/2015 O domingo 26 de xullo e dentro da programación das festas do Apóstolo, celébrase a XXXVI edición do Certame do Traxe Galego. Esta tradicional cita foi presentada en rolda polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray; e o director de comunicación e relacións externas de El Corte Inglés, Pati Blanco.

O XXXVI Día do Traxe Galego arrincará ás 11:30 horas coa concentración de participantes na Alameda e co posterior desfile ata a praza do Obradoiro, pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías. Logo, a comitiva dirixirase á Catedral para participar ás 13:15 horas nunha misa, na que realizarán a súa ofrenda ao Apóstolo.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, concentración en San Domingos de Bonaval. Os participantes, ataviados co traxe galego, desfilarán ás 19:30 horas ata a Quintana. Pasarán por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías e Conga, para entrar na Quintana por San Paio e Casa da Conga. Cómpre lembrar que para participar neste desfile non é preciso inscribirse, só presentarse na saída cuns cinco minutos de antelación.

No escenario da praza da Quintana, ás 20:00 horas, celebrarse a exhibición e concurso de traxes e a posterior entrega de premios. Tras a entrega dos galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego, a xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

A presidenta da Asociación do Traxe Galego convidou a adultos e nenos e vestir nesta xornada os traxes tradicionais e a lucilos polas rúas de Compostela. En particular, demandou a agrupacións e escolas de música e danza galega que fagan un chamamento aos seus alumnos e alumnas para que participen no desfile e lles ofrezan tamén os seus fondos de vestiario tradicional.

Concurso
Ata as 14:00 horas deste venres 24 de xullo estará aberto o prazo de inscrición para participar no concurso convocado con motivo desta celebración. Haberá premios de 400 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto de muller coma de home.

No caso dos traxes de cotío outorgaranse 300 euros ao primeiro/a e 200 euros ao segundo/a clasificado/a. A mesma dotación é a prevista para os mellores traxes modernos. O xurado tamén elixirá os mellores traxes vestidos por un neno e por unha nena, que recibirán un agasallo conmemorativo.

Finalmente, o xurado outorgará dous premios especiais: un de 600 euros para o grupo e máis de 10 persoas no que ningún dos seus integrantes se inscribira de xeito individual, e outro de 200 euros para a mellor peza ou conxunto de pezas antigas.

Direccións relacionadas



Compartir: