ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello reservará espazo para os colectores soterrados en Quiroga Palacios e estuda alternativas de estacionamento

02/07/2015 O Concello reservará espazo para a instalación de colectores soterrados na avenida Quiroga Palacios e estudará a posibilidade de que a redución de prazas de estacionamento sexa menor da prevista no proxecto de reurbanización. Así o anunciou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, nunha rolda de prensa na que deu conta do estado actual desta obra e doutras previstas no ámbito do Urbana Santiago Norte.

Tras a reunión celebrada cos veciños, o concelleiro comunicou que se decidiu atender unha das súas demandas respecto á renovación desta avenida Quiroga Palacios: a instalación de colectores soterrados. Esta é unha obra que non se pode realizar agora, no marco do actual proxecto, cuxo importe de execución, financiado con fondos europeos, está xa comprometido. Por este motivo, reservarase o espazo para estes colectores e, rematada a obra incluída no Urbana Santiago Norte, o Concello acometerá con fondos propios esta actuación.

O inicio das obras de mellora da accesibilidade en Quiroga Palacios retrasarase uns días, segundo indicou Jorge Duarte, porque os responsables da obra están estudando a posibilidade de que a redución de prazas de estacionamento prevista sexa menor, incorporando algunha praza no espazo comprendido entre o Seminario e o convento de Santa Clara. Tamén nesta materia, estase avaliando unha alternativa de estacionamento no ámbito do Seminario mentres duren os traballos.

Esta obra da avenida Quiroga Palacios deberá estar rematada antes de que remate o ano 2015, ao estar incluída no programa Urbana Santiago Norte, financiada con fondos europeos FEDER. Esa mesma data límite é a prevista para outras obras incluídas no programa e sobre as que deu conta o concelleiro: Vista Alegre, Basquiños – Santa Clara, vía verde entre os parques de Bonaval e da Almáciga, Centro Xove de Creación Cultural, Centro Cívico do Romaño e Catalizador Cultural de Belvís.

Vista Alegre
Sobre o proxecto de Vista Alegre, Duarte explicou que as obras levan uns 15 días paralizadas, xa que se abriu un proceso de reflexión para abordar o problema das diferenzas de cota entre as beirarrúas e a calzada na rúa Santa Comba. Na formulación actual, a beirarrúa e os conseguintes accesos aos baixos quedan a un diferente nivel da calzada, creando un problema de illamento e de visibilidade a estes locais. Os arquitectos están estudando as actuacións necesarias para igualar as cotas de rúa e beirarrúa, o cal obrigará a redactar un proxecto complementario.

Basquiños – Santa Clara e vía verde
A segunda fase das obras de mellora da accesibilidade no ámbito de Basquiños e Santa Clara están en marcha, co horizonte de remate sinalado de decembro de 2015. En canto á vía verde entre os parques de Bonaval e da Almáciga, o edil explicou que se está pendente da adecuación das conexións laterais. Solucionada esta cuestión, a obra rematarase con normalidade.

Centro Xove de Creación Cultural
Tamén incluído no Urbana Santiago Norte está o Centro Xove de Creación Cultural. Igualmente comprometida a súa construción, o concelleiro indicou que aínda non está decidido o uso que se lle dará ao edificio, existindo a posibilidade de que se vincule ao CEIP Apóstolo Santiago ou á Escola Municipal de Música.

Finalmente, avanzan con normalidade as obras do Centro Cívico do Romaño e do Catalizador Cultural de Belvís, que tamén deben estar rematados antes de que remate o 2015.

Prioridades e participación cidadá
Jorge Duarte enmarcou esta e outras obras na filosofía programática do Goberno municipal de "priorizar os investimentos" e de que "o importante son as persoas". Neste sentido, indicou que hai "necesidades máis urxentes" que algunhas reurbanizacións.

En calquera caso, recordou que estas obras do Urbana Santiago Norte e outras previstas teñen financiamento comprometido e que, polo tanto, deben executarse. É o caso, por exemplo, da avenida de Vilagarcía, con fondos da Deputación da Coruña, pero que ten de data límite de remate finais de 2016. Neste caso abrirase un proceso de participación con veciños e comerciantes para estudar as demandas a e a súa posible incorporación ao proxecto.

Respecto á reurbanización da rúa Montero Ríos, esta si financiada con fondos municipais, anunciou tamén un período de reflexión, non descartando a redistribución do orzamento, inicialmente repartido nos exercicios 2015 e 2016.

Casa da Xuventude
A preguntas dos xornalistas sobre a Casa da Xuventude, o concelleiro reiterou a decisión de paralizar o seu derrubo. Anunciou que se se lle dará ao edificio o uso sociocultural previsto no Plan Especial e que se realizará un concurso arquitectónico para elixir o tratamento máis axeitado para a fachada e que determine as conexións do edificio co parque de Belvís e coa praza do Matadoiro. En calquera caso, considerou como o máis prioritario pechar a devolución do inmoble á titularidade municipal, aínda sen realizar.

Paso inferior de Conxo
Finalmente, sobre o paso inferior de Conxo, manifestou a intención de pechar con Fomento os prazos da reiniciada obra e de resolver o problema do tratamento en superficie desta infraestrutura viaria. Así, reiterou a aposta por un "tratamento máis urbano" que a glorieta proxectada, que "mellore a conexión peonil" do barrio.

Compartir: