DEPORTE

Intensa xornada deportiva con escalada, baloncesto e carreira de obstáculos

27/06/2015 Este sábado, a cidade acolleu varios acontecementos deportivos. O primeiro deles, pola mañá, foi a última xornada do II Jamboree de Minibasket. Xa pola tarde celebrouse a primeira edición da Gladiator Race e a primeira proba da Copa Galega de Escalada en Bloque. A concelleira de Deporte, Noa Morales, achegouse ata estes tres eventos.

O pavillón do Restollal acolleu a última xornada do II Jamboree de Minibasket, que reuniu 24 equipos da categoría minibasket (11 anos) de Galicia, Asturias, Navarra, Castela e León, Cantabria e Melilla. A representación compostelá nesta competición correspondeu aos clubs ADM Peleteiro, Rosalía Fedesa e Pío XII Fedesa. Estes dous últimos foron os gañadores nas categorías masculina e feminina, respectivamente.

Entendido coma un campionato nacional de carácter oficioso nesta categoría, o calendario ofreceu catro días de competición, en quedas de mañá e de tarde durante as tres primeiras xornadas. Nesta última xornada de mañá do sábado celebráronse as finais.

Gladiator Race
Máis de 1.900 corredores procedentes de España e Portugal participaron pola tarde no Monte do Gozo na Gladiator Race. Nesta espectacular carreira de obstáculos, os participantes tiveron que percorrer un circuíto de 9 quilómetros no que se mesturou a práctica do trail running coa superación de 26 obstáculos naturais e artificiais. Nun mesmo evento combinouse o deporte, a emoción, a aventura, a competitividade e, sobre todo, grandes doses de diversión.

Arrastrarse polo barro, trepar por ramplas de madeira, correr sobre coches, camiñar entre pneumáticos, saltar pequenas cacharelas ou enfrontarse a cubas con xeo foron algúns dos desafíos cos que se atoparon os deportistas antes de alcanzar a meta. E todo isto complicado aínda máis por un clima moi caluroso.

Escalada na Quintana
Para rematar a xornada deportiva do sábado, a praza da Quintana foi escenario da primeira proba da Copa Galega de Escalada en Bloque. Tras as probas clasificatorias da mañá, celebráronse pola tarde as finais, nas que homes e mulleres competiron en zonas diferenciadas. Os participantes tiveron que salvar seis obstáculos nun tempo limitado, contando o número de intentos. Nestas finais, os rivais estiveron sentados de costas, para non ver os pasos dos demais.

Compartir: