CULTURA

Xosé Antonio Touriñán e Javier Veiga presentan este sábado "Por que as cousas sempre poden ir a peor" en Falabaratos

19/06/2015 Este sábado, noite de humor no Teatro Principal con dous dos humoristas de referencia do panorama galego, Xosé Antonio Touriñán e Javier Veiga. Será a partir das 21:00 horas cando poderemos velos unidos en Por que as cousas sempre poden ir a peor, unha historia para esmendrellarse de risa contada dende o punto de vista de dous personaxes totalmente distintos. Dous monólogos hilarantes dende dúas formas de entender a vida dentro do ciclo Falabaratos. O prezo da entrada é de 15 euros (12 no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Principal ou en ataquilla.com.

Xosé A. Touriñán interpreta a Manolo Lojo, un surrealista personaxe que o único que ten claro é que se quere suicidar, pero antes de suicidarse contaranos un dos segredos mellor gardados da humanidade. E sobre os segredos da humanidade, sobre as grandes dúbidas que guían a nosa existencia, Javier Veiga revelaranos as súas reflexións dende a súa importante experiencia vital. Enigmas como a importancia da alopecia no pleistoceno ou a proliferación das mulleres barbudas en Lusitania serán desvelados neste espectáculo.

Xose A. Touriñán leva máis de dez anos no mundo do humor e o audiovisual galego. A principios do 2000 forma con Marcos Pereiro o dúo cómico Os 2 de Sempre, unha proposta que acadou sona co espectáculo As Cantareiras de Ardebullo, no que Touriñán interpreta a Mucha, hoxe un dos personaxes máis coñecidos da televisión galega. Un éxito que o levou a dirixir e presentar o seu propio programa, Tourilandia, estreado na TVG en 2012. Touriñán, que por veces se disfraza do cómico personaxe Manolo Lojo, ten participado noutros programas, series e filmes, como Padre Casares, Botarse ao monte, Era visto, Land Róber, Os fenómenos ou os Premios Mestre Mateo, e vai camiño de converterse nunha das figuras máis destacadas da televisión en Galicia.

A carreira de Javier Veiga empeza hai moitos anos cun cameo na serie Farmacia de guardia. Quen lle ía dicir naquel ano 1992 que a súa carreira ía experimentar un crecemento tan meteórico. Películas con O ano da carracha ou A muller máis fea do mundo e series como 7 vidas ou Moncloa dígame? levárono ao éxito. Pero sen dúbida, se por algo recordamos con cariño a Javier, é por ser un dos mellores e máis divertidos presentadores da historia do pioneiro programa de monólogos El Club de la Comedia. A súa carreira non quedou aí, pasou á dirección de Teatro e TV, creando a súa propia compañía, e escribindo e dirixindo obras tan importantes como Amigos ata a morte, Humor en branco e negro ou Os tres mosqueteiros buscando dartañan. E como todo iso lle parecía pouco, agora tamén se dedica a facernos que nos esmendrellemos de risa sobre un escenario.

Compartir: