CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rocha homenaxeou a Luciano García Alén

23/09/2006 A pesar da intensa choiva, o barrio da Rocha Vella rendeulle unha sentida homenaxe a un dos seus veciños, Luciano García Alén, e á súa dona, María García Ayuso. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, uniuse a este recoñecemento e descubriu unha escultura de Xosé Méndez Pérez (Xexu) sobre o "Conto do Castelo da Rocha", creado polo homenaxeado.

A escultura está situada na nova rotonda da Praza da Roca, "interpretación moderna dunha encrucillada", segundo lembrou o escritor Xosé Ramón Fandiño na súa intervención. Na placa recoñécese o labor social e cultural no barrio da Rocha Vella de Luciano García Alén, pontevedrés e santiagués, xinecólogo de profesión, pero tamén escritor, impulsor da cerámica tradicional e promotor de diversas expresións culturais.

Tamén para el tivo palabras de loubanza o alcalde compostelán, quen se referiu ao "Conto do Castelo da Rocha" como a expresión "do amor pola historia e polo patrimonio de Galicia de Luciano García Alén". Neste sentido, referiurse ao "motivo de orgullo" que é a recuperación do castelo da Rocha.

Non faltaron no acto unhas verbas do homenaxeado, que reiterou o seu "amor por Santiago" e o seu orgullo pola particular unión que se estableceu no seu caso entre Compostela e a virxe Peregrina, en alusión ao icono que ten na súa casa e á súa condición de pontevedrés de nacemento.

O recoñecemento ao homenaxeado tamén o refrendaron os moitos cidadáns que acompañaron ao seu veciño neste acto malia a choiva. Tamén participaron, entre outros, varios membros da Corporación local e o rector da Universidade de Santiago, Senén Barro, ademais dos membros das Asociación de Veciños Serafín Zas e da Asociación Cultural Rocha Forte.

Estrea musical posposta

Posteriormente, estaba prevista a estrea dunha peza musical inspirada nesta historia infantil, escrita por Amador Santos Bartolomé. Pero a choiva impediu que, baixo a súa dirección, a Banda Municipal de Santiago interpretara esta composición, dividida en tres partes, como tres son os personaxes deste conto: Oca, un canciño de palleiro que leva pendurado no pescozo unha cuncha e peregrino; Federico, un corvo que pairea e controla a paisaxe; e Manú, unha toupa experimentada en cavar galerías subterráneas. A actuación quedará para unha vindeira ocasión na propia Rocha ou, como suxeriu Sánchez Bugallo, no Teatro Principal.

O programa de actos deste unánime recoñecemento colectivo, enmarcado dentro da II Semana Cultural da Rocha, pechouse cunha cea de homenaxe a Luciano García Alén e María García Ayuso.

Compartir: