ALCALDÍA

O alcalde destaca o traballo realizado nos últimos anos en Santiago na implantación de solucións intelixentes para o casco histórico

07/05/2015 Unha vintena de técnicos das 15 localidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial que forman o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España reúnense estes xoves e venres en Santiago de Compostela nunhas xornadas tituladas Xestión de vectores ambientais nos cascos históricos das Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Control de aves e recollida de residuos. O evento foi inaugurado polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, quen estivo acompañado pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez; pola concelleira de Patrimonio e Cultura, María Antón; e polo xerente do Grupo Cidades Patrimonio, Ángel Rosado.

O alcalde deu a benvida os participantes nestas Xornadas, destinadas a "abordar dous temas que, baixo a súa aparente simplicidade, encerran unha problemática complexa que condiciona o día a día dos sensibles entornos históricos das nosas urbes". Nestes e noutros ámbitos comúns ás Cidades Patrimonio, apostou por "propostas innovadoras que contribúan a dar novas solucións a vellos problemas, dende a perspectiva do desenvolvemento, da cohesión social e do uso das novas tecnoloxías".

"Santiago de Compostela, que vén traballando nos últimos anos con decisión na implantación de solucións intelixentes para o seu casco histórico, comprácese en servir de punto de encontro para esta reunión de técnicos, na que analizarán e debaterán os problemas e peculiaridades do noso común patrimonio", indicou.

Control de aves e recollida do lixo
Ao longo das dúas sesións, as 15 cidades compartirán experiencias e programas levados a cabo no campo do control de aves e da recollida de residuos, dous ámbitos de traballo que no caso das Cidades Patrimonio formulan unha problemática e unhas esixencias comúns, dadas as especiais configuracións urbanísticas dos seus cascos históricos e a necesidade ineludible de protección e preservación dos bens inmobles que se sitúan nestes.

Ademais da exposición de casuística das cidades, participan no encontro diversos especialistas, consultores, empresas e profesores universitarios, que presentarán novas iniciativas e proxectos que se veñen implantando con éxito e que, tras a súa análise e debate, poden resultar de utilidade para a súa extrapolación ás Cidades Patrimonio.

As xornadas foron organizadas polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a través da súa Comisión de Patrimonio e Cidade. Esta Comisión, presidida polo alcalde de Ávila, Miguel Ángel García Nieto, e integrada polos 15 concelleiros de Patrimonio das cidades que forman a rede, é a encargada de desenvolver os proxectos que no ámbito da protección, difusión e divulgación do patrimonio histórico leva a cabo o Grupo. Dentro da citada Comisión encádranse distintos grupos técnicos de traballo nas áreas de Medio, Arqueoloxía, Seguridade, Urbanismo, Mobilidade e Accesibilidade, para a xestión e execución dos numerosos programas anuais en torno ao patrimonio cultural.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico colabora na organización das xornadas, financiando a súa celebración.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1993, cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa e na promoción cultural e turística do patrimonio das 15 cidades que o compoñen, posuidoras de cascos históricos recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. Santiago de Compostela, cidade anfitrioa desta reunión, é cidade fundadora do Grupo.

Documentos relacionados



Compartir: