OBRAS E MOBILIDADE

O Concello acometerá nos vindeiros días traballos de mellora do firme en varias rúas

04/03/2015 Aproveitando o bo tempo que se esperan para os vindeiros días, o Concello vai levar a cabo traballos de asfaltado e mellora do firme nos seguintes vieiros da zona urbana da cidade: Xeneral Pardiñas, Doutor Teixeiro, Lisboa e no eixo Rosalía de Castro-Santa Marta de Arriba-Choupana-Volta do Castro. Os traballos afectarán ao tráfico de forma transitoria.

O xoves 5 comezarase a traballar na rúa Xeneral Pardiñas, que se pechará ao tráfico a partir das 9:00 horas e durante todo o día. Quedará prohibido tamén o estacionamento.

O venres 6 será a vez da rúa Doutor Teixeiro, pola que tampouco se poderá circular en toda a xornada. Así mesmo, estará prohibido estacionar en ambas marxes dende primeira hora do venres e no primeiro tramo (Montero Ríos-República do Salvador) xa dende o xoves pola tarde (a partir das 16.00 horas).

A rúa Lisboa asfaltarse o luns 9. Neste caso sempre haberá un carril en funcionamento durante o tempo que duren os traballos. Tampouco se permitirá estacionar.

O martes 10 realizarase a mellora do firme na Choupana, pero permitindo sempre o paso alternativo de vehículos. As obras afectarán ao tramo que vai dende a rotonda do Hotel Peregrino ata a rotonda de Volta do Castro.

TRANSPORTE URBANO

Xoves 5: Xeneral Pardiñas
Os autobuses das liñas 5, 15, C11 e P6 que pasan pola rúa Xeneral Pardiñas, verán modificado o seu percorrido utilizando as rúas República Arxentina, Hórreo e praza de Galicia (os autobuses xirarán na praza de Galicia para facer a parada habitual). En definitiva, as paradas que quedarán sen servizo serán as dúas paradas de Xeneral Pardiñas. Esta situación estenderase ao longo de todo o día e, no caso que a realización das obras o permita, recuperarase o percorrido habitual, informando aos usuarios a través das redes sociais, carteis e paneis electrónicos das paradas anuladas. En relación á liña 13, esta rematará o seu percorrido na praza de Galicia.

Venres 6: Doutor Teixeiro
Os autobuses da liña 5 farán a parada da praza de Galicia para posteriormente seguir o seu percorrido a través das rúas Xoán Carlos I, Rosalía de Castro, Praza de Vigo, Santiago del Estero, praza Roxa e Frei Rosendo Salvado, seguindo a partir deste punto co seu percorrido habitual. Quedará anulada a parada da rúa República do Salvador.

No caso das liñas 6, 12, 15, C5, P3 e P6, tras facer a parada da praza de Galicia, utilizarán as rúas Xoán Carlos I, Rosalía de Castro, avenida de Vilagarcía, República Arxentina, rúa da Rosa e percorrido habitual.

A liña 13 esta rematará o seu percorrido na praza de Galicia.

A liña C11, mentres permaneza aberta ao tráfico a rúa República do Salvador realizará a parada de Xeneral Pardiñas nº 7. No momento en que quede cortado o acceso a Doutor Teixeiro, a liña desviarase polo Hórreo ata a praza de Galicia, quedando suprimidas as dúas paradas de Xeneral Pardiñas para esta liña ao igual que o día anterior.

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.

Compartir: