SANIDADE

Galeras terá novo centro de saúde en 2008 e Conxo, en 2009

12/09/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a conselleira de Sanidade, María José Rubio, asinaron na Casa do Concello un convenio no que se establecen as bases para a futura construción de dous centros de saúde, en Galeras e en Conxo. O primeiro deles comezará a construírse en 2007 e, segundo as previsión da Consellería, poderería estar rematado no trascurso de 2008, ano no que se iniciarán as obras do centro de Conxo.

Grazas á colaboración entre o Concello o o Sergas, Conxo e Galeras contarán con dous novos centros de saúde. A entidade municipal xa cedeu os terreos nos que se construirá o centro de Galeras, prioritario para a Consellería, e que estará ubicado na parcela que ocupa o antigo Hospital Xeral. Este centro de saúde contará con algo máis de 4.000 metros cadrados de superficie construída, e un investimento superior aos tres millóns e medio de euros. O edificio está planificado para que dea asistencia sanitaria á poboación do casco vello compostelán, tendo en conta que poderán ser uns 10.000 habitantes nun prazo de 15 anos. Neste centro situarase tamén a nova sede da Xerencia de Atención Primaria de Santiago. As previsións da Consellería apuntan cara o trascurso de 2008 como data de finalización das obras.

O segundo centro, que terá unha superficie construída de 2.400 metros cadrados, ubicarase nunha parcela aínda por determinar no barrio compostelán de Conxo e está previsto que preste servizo a unha poboación de arredor de 22.000 habitanes. As obras comezarán ao longo de 2008 e suporán un investimento por parte do Sergas de 2,7 millóns de euros. Ademais, neste centro residirá a unidade de Fisioterapia e Rehabilitación que actualmente está en Fontiñas.

Ámbolos dous centros servirán para aliviar a carga asistencial do Ambulatorio Concepción Arenal, dando cobertura a unha poboación estimada de 30.000 habitantes. Ademais, preténdese que sexan centros con docencia pre e postgrao, polo que se incluirán consultas para médicos residentes.

Tanto a conselleira como o alcalde manifestaron a satisfacción polo acordo. Xosé Sánchez Bugallo salientou que se trata dun protocolo de grande importancia porque "con isto respondemos ás necesidades da nosa cidade". Pola súa parte, María José Rubio fixo fincapé no esforzo feito por ámbalas dúas administracións para poñer en pé estes dous centros, que contribuirán a mellorar "substancialmente a asistencia sanitaria dos habitantes de Santiago".

Nova unidade móbil de doazón

Antes da sinatura do protocolo, o alcalde e a conselleira visitaron a nova unidade móbil de doazón de sangue coa que contará Santiago de Compostela, a cidade galega que aporta máis doadores: 8.294 composteláns decidiron doar en 2005, o que supón un índice de 92 doadores por cada mil habitantes e ano, taxa que duplica a media de participación de Galicia.

Compartir: