CULTURA

Case 30.000 persoas asistiron ás proxeccións da XXVIII edición de Cineuropa, unha das máis exitosas do festival

02/12/2014 Cineuropa rematou o pasado domingo, 30 de novembro, a súa 28ª edición, unha das máis exitosas do festival. En total foron 29.500 persoas as que asistiron ás proxeccións, ás que hai que engadir as 3.400 que foron a Cineuropa Concerto, actividades entre as que tamén se atopaba a proxección dun filme de Chaplin, acompañado pola música en directo da Real Filharmonía de Galicia.

Esta asistencia de público vén significar un aumento moi significativo con respecto ao ano pasado, edición á que asistiron ás proxeccións 24.500 persoas. Esta XXVIII edición foi ademais a de maior número de películas da historia: 234 filmes inseridos en ata 20 seccións e unha sección oficial, buque insignia do festival, que tamén bateu récords en riqueza, pluralidade e presenzas: ata 34 películas de 18 países europeos diferentes.

Remine, o filme de maior puntuación
O filme cunha maior puntuación desta edición foi Remine, do asturiano Marcos M. Merino, que obtivo un 9,48 do publico, seguido por A sal da terra, filme de Win Wenders e Juliano Ribeiro Salgado sobre o traballo do fotógrafo Sebastião Salgado, que acadou un 9,11. Ambas pertencen á sección Docs-Cineuropa. Tamén é de destacar a gañadora da Sección Oficial, que foi O noso último verán en Escocia, cun 8,29, seguida de preto por Samba, que obtivo un 8,07. En Panorama Internacional a máis votada foi Mommy, de Xavier Dolan, cun 7,6 e, en Fantastique Compostela, What we do in the shadows, cun 7,68.

Programa de calidade e numerosas visitas de directores
Da calidade do programa son boa sinal os premios internacionais que avalan as películas presentadas en Cineuropa 20014, que inclúen o palmarés de Cannes case ao completo e o mellor de festivais como Róterdan, Venecia, Locarno, Berlín, Sundance ou San Sebastián. Así mesmo, tamén son de destacar diferentes feitos producidos durante a propia celebración do festival. Por exemplo, o palmarés do Festival Internacional de Cinema Europeo de Sevilla, cun orzamento de máis dun millón de euros e fallado o 15 de novembro, estaba ao completo incluído en Cineuropa.

Igualmente, é relevante o recoñecemento institucional do Parlamento Europeo quen, a través dos Premios Lux, avalou Cineuropa como festival de interese prioritario ao ser un dos dous únicos de España aos que acudiu coas tres películas finalistas dos Lux. Cómpre subliñar tamén nesta edición a presenza como convidado o festival do director da Filmoteca Nacional, José María Prado, unha das figuras máis prestixiosas en canto a programación do panorama internacional de filmotecas e de festivais. Sinais de identidade desta edición son a nova produción propia dun ciclo temático monumental: ata 70 longametraxes, expresamente subtituladas en español, para realizar un percorrido pola tumultuosa década dos 70 do pasado século no cinema norteamericano.

Nesta edición, Cineuropa ofreceu tamén un valor propio dos festivais de gran orzamento: a consecución da retrospectiva integral da obra dun dos grandes autores do cinema europeo, o danés Nils Malmros, coa presenza do propio director no festival debatendo co público cada unha das súas películas.

A presenza de cineastas no marco do festival, para manter eses encontros co público nas salas continúa a liña ascendente que intensifica a vida de Cineuropa: autores consagrados como o xa citado Nils Malmros, o produtor portugués Paulo Branco; valores contrastados do cinema español como o vasco Borja Cobeaga ou o madrileño Javier Rebollo; nomes da vangarda habituais nos festivais de maior vigor alternativo, como Virginia García del Pino; documentalistas cuxas obras foron nestes meses faro do cinema da memoria, como o alemán Dietmar Post ou o asturiano Marcos Merino, gañador desta edición do festival. Todos eles estiveron en Cineuropa.

Tamén se puido constatar que Cineuropa é o festival de referencia do audiovisual de Galicia que triunfa en certames internacionais, xa que tivemos ata 15 estreas absolutas en Galicia: entre elas, a de Las altas presiones, merecedora do Premio Novas Ondas no festival de Sevilla, ou as de A arca de Noé e A viaxe de Leslie, seleccionadas na Seminci.

Relevancia dos premios e proxección exterior
A autoesixencia do festival por manter o perfil dos premios Cineuropa ao nivel das de certames internacionais cun orzamento moi inferior proxectouse este ano nas tres figuras receptoras do tributo: a actriz Bárbara Lennie, tras o seu recente triunfo en San Sebastián, é a intérprete do noso cinema con maior prestixio artístico do 2014. E Cineuropa foi o único festival do Estado, ademais de San Sebastián, onde recalou.

O produtor Paulo Branco, unha das figuras máis eminentes do cinema europeo do último medio século, veu afianzar a súa complicidade con Cineuropa ao estar de novo no festival, despois da súa visita en 2012. E do vigor e empatía do festival e o seu público é un bo expoñente a aposta de risco por un director afastado de glamour como Nils Malmros, cuxa retrospectiva acabou obtendo aforamentos completos nas súas proxeccións no Salón Teatro.

Compartir: