CULTURA

Antón Lopo presenta o "Libro dos amados"

07/04/2005 O xoves 7 de abril ás 19.30 horas no Casino de Santiago presentarase a obra de Antón Lopo Libro dos amados, sétima entrega da colección Poeta en Compostela, editada conxuntamente pola Concellaría de Cultura e o Grupo Correo Gallego, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.

No acto de presentación do volume haberá un recital onde confluirán tendencias e actitudes respecto da poesía. Trátase de fundir o Libro dos amados, nas voces de Xabier Cordal -autor do prólogo xunto a Chus Pato-, Iván Prado, Margarita Fernández, Oriana Méndez, Antón Dobao, Ana Romaní, María Salvado, Manolo Martínez, Caetano Díaz, Xosé Antonio Velasco, Herminio Barreiro, Braulio Vilariño, Lupe Gómez e Brais Fernandes.

Unha obra sentimental

O Libro dos amados é unha obra "sentimental", afirma Antón Lopo, que se desenvolve ó redor dos eixes de tempo, espazo e emoción e no que os textos, escritos entre o 1979 e o 2005, seguen estando "tan vivos agora como cando se viviron".

Para o autor, monfortino de nacemento e compostelán de residencia, o libro é "sinxelo na forma", ao tempo que "complexo no contido", e explica que "a forma é só un contedor e debe adaptarse", polo que "dependendo dos obxectos e materiais cos que estás a traballar, unha forma vólvese máis práctica. Todo depende, á fin e ao cabo, do ritmo da respiración, que é a que constrúe o poema".

A colección "Poeta en Compostela" abriuse cos Poemas a Compostela de Manuel María , un volume ao que seguiron obras de autores e autoras vencellados á cidade: Marta Dacosta, Salvador García-Bodaño, Xesús Rábade e Helena Villar, Rafa Villar e María Lado. A seguinte entrega será O barrio das chinesas, obra de María do Cebreiro.

Compartir: