DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

As obras de mellora no alumeado público da Almáciga comezarán este mes de outubro

05/10/2014 Na segunda quincena deste mes comezarán no barrio compostelán da Almáciga as obras de mellora no alumeado público, que consistirán na modernización das instalacións de iluminación na rúa de Touro e na rúa do Pino, na parte superior do lugar. Esta intervención encádrase nas actuacións do Programa Urbana Norte para o fomento do uso máis eficaz da enerxía.

Con esta intervención, o alumeado público de ámbalas rúas adaptarase ás novas tecnoloxías mediante a utilización de lámpadas de leds de alta eficacia enerxética, que cumprirán co regulamento actual de eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado exterior.

O Concello, con esta actuación, diminuirá o consumo enerxético das instalacións, utilizando para iso, independentemente de lámpadas de alta eficiencia, equipos de acendido programables con varios niveis de redución que eliminan a contaminación lumínica actual utilizando equipos con coeficientes de perdas ao hemisferio superior inferiores ao 5%.

A actuación, que terá unha duración de dous meses, ten un orzamento de 49.000 € (IVE incluído) e afectará a 8.000 metros cadrados de rúa nos que se reemprazará un total de 46 luminarias. O aforro enerxético que se producirá unha vez instaladas as novas será de 27.600 KWh/ano.

A instalación actual está realizada mediante báculos de aceiro con luminarias tipo estrada nas rúas principais de rendemento baixo debido á antigüidade das mesmas.

Compartir: