ALCALDÍA

Santiago acollerá en setembro Compostela Gastronómica, I Festival da Cociña Galega

06/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou as liñas mestras de Compostela Gastronómica, primeiro Festival da Cociña Galega. O obxectivo do evento, organizado por Turismo de Santiago, é amosar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia como atractivos turísticos. Para isto empregarase o Mercado de Abastos como plataforma de promoción xa que, ao mesmo tempo, é o segundo lugar máis visitado de Santiago e un lugar de referencia para os profesionais da gastronomía galegos. O evento celebrarase do 19 ao 28 de setembro.

O alcalde, que estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Reyes Leis, e polo residente da Cooperativa do Mercado de Abastos, José Ramón del Río, salientou que Compostela Gastronómica concíbese coma un Festival de Cociña, é dicir, non como unha feira ou un congreso, senón coma un evento lúdico para gozar das diferentes perspectivas da gastronomía.

Agustín Hernández tamén destacou que Compostela Gastronómica non responde a un modelo pechado e inflexible, que se pode desenvolver en múltiples cidades, senón que é un proxecto pensado dende Santiago e para Santiago, co que non podería desenvolverse en ningún outro lugar. Apuntou que a experiencia desta primeira edición servirá para consolidar o evento nos próximos anos. Finalmente, agradeceu o financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

Actividades para todos os públicos
Compostela Gastronómica desenvolverase na segunda quincena de setembro, cun amplo programa de actividades pensadas para tres tipos de públicos: actividades para produtores e profesionais do sector da gastronomía; actividades para xornalistas e creadores de opinión especializados nos sectores de viaxes e de gastronomía; e actividades para o público final, tanto composteláns e galegos, como visitantes e turistas.

Con este programa de actividades dirixidas a diferentes públicos pero complementarias, Turismo de Santiago pretende conseguir varios obxectivos: colaborar co impulso que a gastronomía de Santiago está vivindo nos últimos anos, cunha oferta na que se combinan tradición e modernidade pero sempre co produto galego como base; transmitir aos comunicadores a mensaxe de que a Gastronomía Galega está máis viva que nunca e Santiago ocupa un lugar privilexiado; e potenciar o atractivo turístico da cidade a través da súa oferta gastronómica.

Compostela Gastronómica incluirá unha ruta de Menús do Mercado de Santiago, na que os restaurantes da cidade participantes ofrecerán diferentes pratos elaborados co mellor produto do Mercado de Abastos. Os establecementos interesados en participar poden facer a súa solicitude antes do 18 de agosto a través da páxina web do evento, www.compostelagastronomica.es.

O programa incluirá xornadas profesionais impartidas por cociñeiros de referencia, que terán lugar na aula do Mercado de Abastos. Serán unhas xornadas concibidas como unha oportunidade de formación para os cociñeiros da cidade, polo que se adecuarán as súas necesidades en horarios e contidos. As prazas para estas xornadas estarán limitadas, polo que a comezos de setembro abrirase o período de inscrición.

Compartir: