ALCALDÍA

O día de San Roque volverá a ser festivo en 2007

16/08/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o vindeiro ano 2007 o día de San Roque volverá a ser non laborable na cidade. Pouco despois de participar na tradicional homenaxe ao santo, lembrou que a non festividade desde ano obedeceu unicamente a "circunstancias excepcionais".

Sanchez Bugallo encabezou a delegación da Corporación local de Santiago que renovou o voto da cidade a San Roque. O acto consistiu na celebración dunha misa solemne ás 11:00 horas e nunha ofrenda a este santo que, segundo conta a lenda, salvou a Compostela da epidemia.

A tradición remóntase ao século XVI, cando varias pestes asolaron a cidade. Despois de oito meses dunha forte epidemia, no ano 1517 o Cabildo e os rexedores de Santiago decidiron alzar na entrada da cidade a capela dedicada a San Roque, tentando asi frear o andazo. Pasada a peste, os gobernadores da cidade esqueceran os votos ata que, no 1570, un novo brote ameazou á poboación.

A construción da capela rematou no 1576 e, ao seu carón, monseñor Francisco Blanco ordeou erixir un hospital para enfermos contaxiosos. A igrexa de San Roque foi rehabilitada hai uns anos polo Consorcio da Cidade.

Compartir: