FESTAS

Nova edición do Día do Traxe Galego

18/07/2014 Unha das citas tradicionais das Festas do Apóstolo é o Día do Traxe Galego, que alcanzará a súa XXXV edición este domingo 20 de xullo. O certame non se puido realizar en 2013 con motivo do tráxico accidente ferroviario de Angrois.

O XXXV Día do Traxe Galego arrincará ás 11:30 horas coa concentración de participantes na Alameda e co posterior desfile ata a praza do Obradoiro. Logo, a comitiva dirixirase á Catedral para participar ás 13:15 horas nunha misa, na que realizarán a súa ofrenda ao Apóstolo. Tras o acto relixioso, os participantes serán recibidos como cada ano pola Corporación municipal (14:15 horas).

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, concentración en San Domingos de Bonaval. Os participantes, ataviados co traxe galego, desfilarán ás 19:30 horas ata a Quintana. No escenario desta praza, ás 20:00 horas, celebrarse a exhibición e concurso de traxes e a posterior entrega de premios. Tras a entrega dos galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego, a xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

Documentos relacionados



Compartir: