REHABILITACIÓN

As Marías xa locen as súas novas galas

08/08/2006 Un dos símbolos de Compostela, a estatua das Marías na Alameda, xa loce o seu novo aspecto, tralo pintado realizado polo autor, César Lombera. Corelia e Maruxa Fandiño visten agora con cores vermellas, negras e brancas no seu novo traxe, a semellanza daqueles que usaban no seu tempo e que quedaron recollidos nalgunha fotografía. Ademais, unha placa explicará en breve a súa historia.

A actuación sobre a estatua eliminou a gran cantidade de marcas e pintadas que os paseantes foron deixando ao longo dos últimos anos e conferiulle un novo aspecto. Pero en troques de renovar as cores da vestimenta, o autor preferiu cambialos. De feito, Lombera pretende mudar os traxes cada cinco ou seis anos para, en certo modo, responder ao espírito de cambio das propias protagonistas.

A das Marías é a escultura máis emblemática e máis fotografada da nosa cidade dende a súa colocación en 1994. Tamén coñecidas como "as dúas en punto", as representadas eran dúas mulleres compostelás que vivían da caridade e que transgrediron certas normas de conduta dos anos 1950 e 1960, posto que eran solteiras e vestíanse e maquillábanse con cores excesivas.

Segundo contan os que as recordan, saían á rúa con desenfado e a flirtear cos estudantes. A xente tomábaas a broma, pero non cabe dúbida que chamaban a atención. Durante 40 anos saíron ás dúas en punto para pasear pola Alameda, ata a súa morte nos anos oitenta. A súa vida foi difícil, pero o seu recordo pervivirá para sempre en Compostela.

A renovación da representación das Marías inclúese no proxecto de rehabilitación da Alameda que está a executar o Consorcio de Santiago e que contempla a restauración das estatuas. O propio César Lombera ocuparase agora da estatua de Valle-Inclán no Paseo da Ferradura. O escritor lucirá novas gafas.

Compartir: