TURISMO

Os hoteis composteláns rexistran en xullo un crecemento do 21% nas pernoctacións

08/08/2006 O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, sinalou que, tendo en conta a existencia de máis de 600 novas prazas de aloxamento, xullo do 2006 reportou aos hoteis de máxima categoría da cidade 12.980 noites de aloxamento máis que o ano pasado.

De acordo cos datos presentados pola Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, o pasado mes de xullo os estabelecementos hoteleiros da cidade rexistraron unha media de 60,14%, é dicir, 1,77 puntos menos que no mesmo mes do ano pasado.

Sen embargo, os estabelecementos de tres a cinco estrelas pasaron do 60,53% de ocupación en xullo do 2005, a un 62,32% o pasado mes. Particularmente boa é a situación dos hoteis de tres e cinco estrelas, que rexistran 3,74 puntos máis de ocupación que o pasado ano.

Dado que os hoteis de tres, catro e cinco estrelas contan cun total de 3.742 prazas -609 máis que no 2005- pode calcularse que lograron facturar 75.171 noites de aloxamento, isto é, 12.980 máis que no ano anterior, cando se contabilizaron 62.191. A diferenza representa un crecemento do 20,87% nas pernoctacións, e é particularmente patente nos hoteis de cinco estrelas, que acumularon o pasado mes máis de 22.278 noites, unhas 6.700 máis que en xullo de 2005. Os establecementos de tres estrelas gañaron máis de 4.600 noites, e preto de 1.600 os de catro.

Segue o crecemento de Lavacolla

Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 195.728 pasaxeiros este pasado mes, un 2% máis que no mesmo mes do 2005, cando se rexistraron 191.891.

Desta maneira, Lavacolla acumula 1.117.212 viaxeiros nos primeiros sete meses de 2006, isto é, 96.158 máis que no mesmo período do 2005, e mantería así un crecemento medio do 9,4% sobre o pasado ano.

A dársena de Xoán XXIII, pola súa parte, recibiu 1.280 autobuses, un 4,8% máis que en xullo do 2006 (1.280 vehículos).

Consultas atendidas

As oficinas municipais de información turística rexistraron o pasado mes 37.547 consultas, cifra superior nun 13,8% á do mesmo mes do ano pasado, cando se totalizaron 32.987 consultas.

A maior actividade informativa parece terse trasladado ás rúas, onde os Chaquetas Vermellas atenderon un total de 20.372 consultas, un 235,7% máis que no mesmo mes do ano pasado.

Por orixe dos consultantes, os estranxeiros pasan de 12.057 a 15.828 consultas, mentres que os españois rexistran 2.000 consultas máis que no mesmo mes do ano anterior.

As consultas acumuladas (97.307 entre xaneiro e xullo do 2006) superan ás 91.644 rexistradas nos primeiros sete meses do 2005 (excluíndo dese ano a Praza de Galicia, que agora permanece pechada e non é comparable). O crecemento procede do turismo estranxeiro, cuxa presenza nas oficinas turísticas medrou un 12% entre 2005 e 2006, mentres que o español descendeu lixeiramente.

Entre os emisores estranxeiros, destacan Italia, Francia, Alemaña e Reino Unido. Respecto a xullo do 2005, crecen significativamente as consultas de italianos (21%) e alemáns (19%), mentres que os británicos manteñen o seu número. Ademais, increméntase un 21% a presenza de norteamericanos e un 22% a de brasileiros.

Entre as comunidades autónomas españolas mantéñense como principais emisoras Madrid, Andalucía e Cataluña.

Consultas á web

A web www.santiagoturismo.com recibiu en xullo 99.607 visitas, un 107% máis que en xullo do 2005, cando contabilizou 47.642.

Desta maneira, a páxina acumula este ano 435.529 accesos, cos que xa supera á totalidade dos recibidos nos doce meses do 2005 (426.976).

De acordo coas estatísticas de Google Analytics, un 69% son novos usuarios e un 31% usuarios recorrentes. A meirande parte (71,7%) atopa a web a través de Google e un 11,3% directamente.

Compartir: